A Laracha aproba o Plan de Mobilidade Sostible

Con alegría acollemos a asunción de máis concellos da necesidade de tratar a mobilidade. Nunha comarca onde apenas o Concello de Carballo utiliza esa frase, ver que o Concello da Laracha tamén está preocupado por un asunto tan crucial para o noso medioambiente, para o noso futuro, é loable.
O Concello larachés vén de aprobar o Plan de Mobilidade Sostible (PMUS) (podes descargalo dende a web municipal), documento de planificación estratéxica que supón unha nova perspectiva da maneira na que se concibe e emprega o espazo público. O seu obxectivo é avanzar cara o equilibrio real entre as necesidades de mobilidade da poboación coa accesibilidade, a inclusividade, o fortalecemento do tecido comercial local e a eficiencia no eido medioambiental como fíos condutores.
O PMUS quere favorecer a transformación progresiva do modelo actual, altamente dependente do vehículo privado e con carencias en materia de transporte público, cara outro máis sustentable que mellore a calidade de vida da veciñanza e que, particularmente, favoreza o desprazamento seguro da infancia e das persoas maiores.
Ademais de tratarse dunha ferramenta chave para a reorganización da mobilidade, dispoñer do PMUS tamén é un requisito esencial para que o Concello poida optar a fondos europeos destinados á promoción da sustentabilidade e á modernización urbana, polo que abrirá a porta a novas oportunidades de financiamento para proxectos municipais transformadores nese sentido que se leven a cabo a curto, medio e longo prazo.
Proceso participativo
Durante o procedemento de redacción do plan contouse coa participación activa da veciñanza, tanto mediante enquisas á poboación xeral como con obradoiros nos colexios.
Entre as medidas concretas propostas destacan a mellora dos entornos dos centros de ensino, o impulso do transporte público, o avance nas infraestruturas ciclistas e a xerarquización do tráfico rodado nos núcleos urbanos de A Laracha, Paiosaco e Caion, suxerindo en paralelo propostas de mellora da conexión entre as parroquias e a humanización de rúas, vías e prazas que implicaría o aumento das zonas peonís para avanzar cara un concello máis dinámico, saudable e accesible.
Máis novas