Martes. 16.04.2024
El tiempo

O Concello da Laracha proxecta a rehabilitación e mellora da accesibilidade na área recreativa de Gabenlle

Área Recreativa de Gabenlle.
Área Recreativa de Gabenlle.
O Concello da Laracha proxecta a rehabilitación e mellora da accesibilidade na área recreativa de Gabenlle

A área recreativa de Gabenlle é un dos puntos de referencia turística do Concello da Laracha. Situada á beira do río Anllóns, moi preto da vila da Laracha, trátase dun acolledor entorno natural rodeado de bosque autóctono e que dispón de servizos para os visitantes como parques infantís, grellas, bancos, mesas, zonas cubertas, espazos libres e aseos. Todo iso xunto ao inicio do paseo fluvial do Anllóns, unha pasarela de madeira que bordea o río ao longo dunha distancia de dous quilómetros e medio ata O Formigueiro, percorrido no que se atopan antigos muíños de auga restaurados.

O Concello da Laracha pretende dar un novo impulso á área recreativa de Gabenlle co propósito de aproveitar ao máximo o potencial deste espazo natural e lograr a súa desestacionalización turística cunha maior afluencia de visitantes noutras épocas do ano ademais do verán e a primavera.

Área Recreativa de Gabenlle (2)

Por iso o Concello proxectou a rehabilitación e mellora da área recreativa de Gabenlle incluíndo unha serie de actuacións para facela aínda más atraínte. Unha das intervencións terá por finalidade a substitución das grellas por unhas novas dun material que garanta a súa durabilidade e seguridade. Ademais, ditos equipamentos serían cubertos cunhas infraestruturas similares ás que xa existen actualmente noutros puntos da área.

Ademais, serán mellorados os accesos con dous puntos de actuación previstos. Por unha banda intervirase na parte sur, adecuando o camiño de entrada desde a estrada. Por outro lado, crearase unha pasarela que comunicará os dous espazos da área recreativa. En ambos casos beneficiarase a todos os usuarios, pero especialmente ás persoas con mobilidade reducida.

Do mesmo xeito, serán reformados, reorganizados e equipados os aseos públicos para que sexan máis accesibles e estean perfectamente adaptados ás necesidades de calquera usuario.

O Concello da Laracha presentou este proxecto, valorado en máis de 43.000 euros, á Consellería de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia ao abeiro da convocatoria de subvencións ás entidades locais para o apoio aos investimentos para actuacións de mellora de infraestruturas turísticas. Así foi acordado na última Xunta de Goberno Local.

Ademais, nesa mesma sesión tamén se acordou solicitar a participación na convocatoria de axudas da Axencia de Turismo de Galicia para apoiar economicamente na promoción e difusión das festas declaradas de interese turístico autonómico. Dita convocatoria soamente permite incluír unha celebración, aínda que no Concello da Laracha existen dúas con ese distintivo (Feira das Cereixas de Paiosaco e Romaría dos Milagres de Caión). Por iso acordouse. Por iso, a través desta liña de subvencións o Concello centrarase exclusivamente no impulso da Feira das Cereixas de Paiosaco que se celebrará o domingo 5 de xullo.

Comentarios