Luns. 23.11.2020
El tiempo

A Laracha reduce impostos e continúa coa desinfección das vías públicas

O Concello mantén activos servizos sociais como o vale de compra para familias sen recursos, o servizo de atención psicosocial, ou a entrega de compras de primeira necesidade a domicilio
Protección Civil da Laracha actuando na desinfección de contedores de lixo nunha zona rural como A Fraga (parroquia de Soandres).
Protección Civil da Laracha actuando na desinfección de contedores de lixo nunha zona rural como A Fraga (parroquia de Soandres).
A Laracha reduce impostos e continúa coa desinfección das vías públicas

Non para o proceso de limpeza e desinfección de espazos públicos por dúas vías diferentes na Laracha. Unha empresa de desinfección especializada acude dúas veces por semana aos puntos máis concorridos dos núcleos urbanos da Laracha, Paiosaco e Caión, centrándose especialmente no entorno do centro médico, entidades bancarias, supermercados e establecementos de venda de alimentos e infraestruturas municipais como o edificio administrativo.
Ademais, dous equipos de Protección Civil actúan continuadamente na desinfección das rúas das tres vilas e tamén na limpeza dos contedores de recollida de residuos sólidos urbanos tantos na zona urbana como na rural. Neste sentido, infórmase que non deben pecharse as tapas dos contedores que estean abertas, xa que os servizos de recollida e desinfección as deixa así para evitar o contacto por parte dos usuarios.

Paralelamente a comisión de seguimento ante o Covid-19 do Concello da Laracha mantivo unha nova reunión (o alcalde -José Manuel López Varela-, os catro edís con áreas de xestión delegadas -José Ramón Martínez, Rocío López, Patricia Bello e Jesús Souto-), e formula novidades sobre tributos municipais. Acordaron o aprazamento do cobro do imposto sobre vehículos de tracción mecánica de acordo coa Deputación da Coruña, encargada da xestión da recadación. O período de pagamento voluntario, que por norma xeral se abría en maio, retrasarase nesta anualidade.
Ademais, estudouse a posibilidade de reducir a parte proporcional da taxa do servizo de recollida de residuos sólidos urbanos polo tempo que estean parados a aqueles comercios e empresas obrigados a cesar a súa actividade.
Ademais, acordouse instar á Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) a estudar a posibilidade de propoñer a diminución ou aprazamento no cobro doutros tributos municipais para que ditas medidas poidan tomarse de xeito coordinado en toda Galicia.
A comisión de seguimento tamén analizou a situación coas empresas que teñen a concesión dos servizos municipais que están paralizados.

Servizos sociais operativos

Os servizos sociais municipais continúan operativos con turnos permanentes de dúas persoas para atender as necesidades da poboación. Outra das medidas adoptadas polo Concello e que xa se está a levar a cabo é entregar vales de compra de alimentos ás familias con necesidades e baixos recursos económicos. Aquelas persoas que se atopen nesa situación poden solicitar esta axuda municipal.
Tamén está a disposición da cidadanía o servizo de atención psicosocial.
Ademais, aquelas persoas que non poidan saír das súas vivendas ou que estean aisladas poden solicitar que Protección Civil lles leve a compra ou as medicinas ata o seu domicilio. En todos os casos, as persoas interesadas deben chamar ao 981612811, que é o teléfono de contacto dos servizos sociais.

Material de protección entregado pola Xunta de Galicia

O Concello agradece á Xunta de Galicia a entrega dunha partida de material de protección composto por 600 guantes, 105 mascarillas quirúrxicas e 36 traxes individuais de protección.

comentarios