Martes. 16.04.2024
El tiempo

Libros e teatro no abril larachés

MES DO LIBRO na Laracha
Libros e teatro no abril larachés

Co gallo d Día Internacional do Libro, que se celebra o 23 de abril, o Concello de Laracha, pensando sobre todo nas crianzas, prepara o Mes do Libro, contando con tres sesións de contacontos teatralizadas dirixidas ao público infantil.

O programa abrirase o venres día 15 no CEIP de Caión con Brincadeira Pirata a cargo de Teatro Calavera e dirixida a nenos de entre tres e dez anos de idade.
O sábado 24 a Casa da Cultura da Laracha acollerá o espectáculo Ris Ras de Baobab Teatro, pensando para público de ata oito anos.
O venres 30 pecharase o ciclo no centro sociocultural de Paiosaco con A familia Papaventos, un espectáculo musical a cargo de Charo Pita.

Todos os espectáculos principiarán ás 18:00 horas, con entrada gratuíta ata completar a capacidade máxima permitida nas salas e sendo obrigatorio por parte do público o cumprimento das correspondentes medidas sanitarias contra o coronavirus.

Primavera Teatral

Tamén arrinca a primavera Teatral de Paiosaco, e faino este venres a partir das 20:00 horas. Será Chola, a IT Girl, na que a actriz Laura Villaverde dá vida á protagonista, unha mecánica de coches, blogueira e youtuber galega que é contratada por un teatro para presentar o seu monólogo ao máis puro estilo de show escénico youtuber.

En cumprimento das medidas de prevención de contaxios de coronavirus que estarán o venres vixentes no Concello da Laracha, o aforo será limitado e o público asistente terá unha separación de metro e medio durante a obra. Será obrigatorio o uso da máscara facial durante toda a función. A entrada é gratuíta e por orde de chegada ata completar a capacidade máxima da sala.

A próxima semana, o venres 16, a compañía Malasombra Produccións chegará con Go On!, unha comedia protagonizada por Xoque Carbajal e Jouse García e dirixida por Marcos Orsi. A peza percorre e parodia os costumes, refráns, cancións e a cultura galega en xeral mediante dous intrépidos exploradores que tiveron o valor de introducirse nas descoñecidas terras galaicas a través do Camiño de Santiago.
O ciclo pecharase o venres 23 cunha versión de Mostellaria, a comedia clásica de Plauto, adaptada pola compañía teatral Corzo Producciones.

Comentarios