Sábado. 04.07.2020
El tiempo

A piscina da Laracha reabrirá o 1 de xullo e tamén haberá actividades de conciliación

A piscina da Laracha reabrirá o 1 de xullo e tamén haberá actividades de conciliación

Volveu ter lugar unha nova reunión da comisión de seguimento ante a Covid-19 no Concello da Laracha, unha comisión da que forman parte o alcalde, os catro concelleiros con áreas de goberno delegadas, o secretario e interventor municipais e o xefe da Policía Local. E varios foron os puntos de interese.

Axudas públicas

Revisouse o borrador das bases que rexerán o plan de fomento do emprego promovido polo Concello, dotado inicialmente con 220.000 euros e que incluirá axudas municipais para autónomos e pequenas e medianas empresas prexudicadas pola crise sanitaria da Covid-19. O Concello dará traslado de dito documento aos grupos políticos da oposición e a próxima semana convocará unha xunta de portavoces para que poidan presentar as súas achegas. Será o paso previo á publicación das bases e á apertura do prazo para que as persoas e pemes que cumpran os requisitos poidan solicitar beneficiarse desta liña de subvencións municipais.

Reapertura da piscina

Por outra banda, acordouse fixar no mércores 1 de xullo a reapertura do complexo deportivo da piscina municipal da Laracha, incluíndo tanto a zona de auga como o ximnasio.

Conciliación

Ademais, avanzouse que, se ben campamentos de verán non poderán desenvolverse, no mes de xullo tamén regresará o servizo de aula lúdica municipal co obxectivo de facilitar a conciliación persoal e laboral das persoas que teñen ao seu cargo nenos de entre 3 e 12 anos de idade. Tamén con ese mesmo propósito o Concello porá en marcha un programa municipal de actividades culturais e deportivas centrado en propostas para o público infantil e que se levará a cabo nos meses de xullo e agosto.

Atención no Concello

Por último, acordouse que a partir do martes da próxima semana (16 de xuño) reincorporaranse ao seu posto de traballo de xeito presencial e diario os empregados municipais despois de varias semanas nas que se estableceran quendas de asistencia e teletraballo. A atención presencial no Concello seguirase facendo con cita previa (pode solicitarse chamando ao 981605001), de luns a venres en horario de 9:00 a 14:00 horas.

Novas relacionadas

comentarios