Venres. 29.03.2024
El tiempo

O Pleno da Laracha aprobou a meirande parte das mocións por unanimidade

O Pleno da Laracha aprobou a meirande parte das mocións por unanimidade

O pasado venres celebrábase un pleno no Concello de Laracha, e a maior parte dos asuntos foron aprobados por unanimidade dos tres grupos municipais.

O pleno comezaba coa lectura dunha declaración institucional en apoio ao mantemento na Coruña do Centro de Operacións de Redes de Naturgy.

Por unanimidade aprobáronse a solicitude dunha subvención nominativa á Deputación para o proxecto de humanización e mellora da rúa José Manuel Ferreira Penedo, por un total de 100.000€. Igualmente aprobouse o cambio de nome de dúas rúas de Paiosaco. Así, a rúa Feal pasará a denominarse Fernando Álvarez de Sotomayor e a rúa Rabadeira, Isidro Parga Pondal. O motivo é evitar posibles confusións nos enderezos dado que O Feal e A Rabadeira pasarán a incluírse no padrón de habitantes como núcleos de poboación da parroquia de Lestón no desenvolvemento do proxecto de recuperación de topónimos.

Tamén se aprobou o suplemento de crédito por un importe total de 128.500 euros a financiar co remanente líquido de tesourería e que terá por finalidade afrontar os gastos derivados dos plans de axudas ao sector comercial.
Do mesmo xeito, tamén aprobaron todos os grupos a modificación do estudo de detalle da parcela que alberga o centro de día e fogar residencial públicos da Laracha. O obxecto deste trámite é a adecuación de certos parámetros urbanísticos -como a tipoloxía, altura e ocupación máxima en planta sobre rasante- ás determinacións do Plan Xeral de Ordenación Municipal co fin último de adaptar o planeamento da parcela e establecer as condicións que se deberán cumprir no momento no que se redacte o proxecto de ampliación.

Tamén se aprobou unha moción para trasladar ao Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital a necesidade de priorizar o despregamento das redes de banda larga de internet e de telefonía nos núcleos de poboación do Concello da Laracha. Outra foi dirixida a levar a cabo iniciativas dirixidas a previr as ludopatías, especialmente na mocidade. Na última moción aprobada manifestouse o rexeitamento da proposta do Goberno de España de cobrar polo uso das autovías.

Brigadas

As brigadas medioambientais municipais están a levar a cabo os labores de limpeza do extenso espazo de protección ambiental que está integrado no ámbito do parque empresarial e que se sitúa contiguo ao río Vilán, na parte sur da zona industrial e xunto ás estradas que comunican O Cancelo (parroquia de Cabovilaño) coa parroquia de Lendo e co núcleo de Arén.

Ademais, o Concello completou o proxecto de mellroa da pista polideportiva do Vilar, aumentando a superficie, e mellorando o peche perimetral de malla e os equipamentos.

Comentarios