Venres. 19.04.2024
El tiempo

Propoñen un plan para combater a soidade non desexada dos maiores

Propoñen un plan para combater a soidade non desexada dos maiores

Na Laracha hai 1.311 homes e 1.648 mulleres maiores de 64 anos. Deles, son maiores de 85 anos 177 homes e 378 mulleres. Unha realidade que continúa medrando co paulatino envellecemento poboacional. De aí que o PSOE da Laracha solicite unha acción directa sobre a parte desa poboación que está soa.

Para o grupo socialista cómpre cambiar a mentalidade da “cidadanía e das propias administracións públicas, que asocian ás persoas maiores con persoas dependentes, que son relegadas a un segundo plano porque considérase que as súas achegas á sociedade non son relevantes”.

Así, co obxectivo de paliar o illamento social que sofren as persoas maiores, e recoñecendo o labor que están a levar a cabo os Servizos Sociais do Concello, consideran que hai marxe de mellora, máis se cadra despois destes tempos de confinamento.

O PSOE presentará en pleno unha moción para “instar ao Goberno local a poñer en marcha un plan municipal específico que complemente as actividades que se están a realizar dende os Servizos Sociais”. Entre as medidas está a creación dun censo específico, de inscrición voluntaria ou recomendada polas persoas técnicas da área de Servizos Sociais, e a creación na páxina web municipal unha sección específica para as persoas maiores, que facilite de forma clara e sinxela toda a información relevante para este colectivo como horario, situación e servizos a prestar dende os Servizos Sociais, asociacións ou calquera outra entidade que poidan colaborar con eles, coa finalidade de mellorar a comunicación das persoas maiores coa administración e os Servizos Sociais.

Comentarios