Xoves. 25.04.2024
El tiempo

A Costa salvou ao galego

A Costa salvou ao galego

Importante a incidencia do Día das Letras Galegas na Costa da Morte. Numerosas vilas viviron eventos relacionados coa cultura do país e todas as súas vertentes. Pero en todas partes sabemos que o galego non se salva unha vez ao ano.

Por exemplo, no activo CEIP Os Muíños, seguindo esta idea, saben que "as nosas letras están vivas porque nós vivimos nelas". Así, a Biblioteca do centro muxián participa nunha exposición de 96 colexios do país baixo o lema "Que libro salvarías?. O centro colabora na actividade co salvamento de dúas obras do poeta muxián Gonzalo López Abente.

Continúa a lingua enchendo O Couto

E como sempre que falamos de letras, temos que facer unha parada no Couto. Onte, día propio, Xosé Manuel Varela, desenvolveu na Radio Voz un especial " A Cova Céltica", no que Silvia Losada procedeu á gravación musical do poema pondaliano "Ponteceso".

Pero unha das citas da Festa das Letras do Couto tivo lugar o luns. 3 auténticas figuras do panorama musical galego como Xabier Díaz, Guadi Galego e Guillerme Fernández fixeron un concerto para deleite dos que encheron a Casa dos Veciños. Impresionante actuación con temas de aquí e dalá que fixeron vibrar ao público. A cousa non quedou aí, e Alba Costa, moza da zona e traballadora da Fundación Eduardo Pondal, tivo agallas para subirse ao escenario e facer un dúo nada menos que coa gran Guadi Galego. Para que logo digan que na Costa non temos arte.

Máis citas no Couto

Hoxe, mércores 18 de maio botará a andar de novo a Fundación Eduardo Pondal viaxeira. Nesta ocasión, as tres animacións desta actividade acudirán ó CEIP Eduardo Pondal (Infantil e Primaria) en xornada de mañá e tarde.

O xoves toca cita no CEIP Forcadas de Corme, e para o venres volta ao IES de Ponteceso e á escola infantil. Pola noite desenvolverase unha sesión de boas prácticas da xuventude e a lingua galega co título de “A Mocidade e a Lingua na Casa da Oralidade”.

As citas continuarán o sábado co Roteiro do Rexurdimento e pola noite, co concerto de Milladoiro, nada menos. E o domingo a XXIX Feira de Artesanía irá acompañada por Orquetra Ce Pantasma.

En Cabana

Ademais, as Letras Galegas percorreron as parroquias de Anos, Borneiro e Canduas. A cita de Borneiro tivo lugar o sábado 14 de maio no local social. Abriuse cun recitado cívico do cancioneiro popular da parroquia de Borneiro, un dos máis ricos do concello. Proseguiuse cunha intervención do historiador local Ángel Eiroa quen falou dos BIC (Ben de Interese Cultural) de Cabana de Bergantiños como son o dolmen de Dombate, o castro A Cidá de Borneiro e a Torre da Penela. O peche púxoo a Escola Municipal de Teatro coas representcións das obras María e Manuela xa son maiores e A verdadeira historia de Carapuchiña Vermella. Ó finalizar as representacións Silvia Losada realizou a entrega ós actores participantes dos diplomas de clausura deste ano teatral.

A xornada do domingo 15 de maio tivo lugar no local social de Canduas. Alí, de novo abriuse cun recitado cívico do cancioneiro popular da parroquia de Canduas. A seguir, a Escola Municipal de Teatro escenificou O xuíz dos divorcios e Teresa Martínez Collazo, da Escola Municipal de Pintura, realizou un atrainte Obradoiro e exposición de pintura.

A tarde do martes 17 de maio o programa das Letras Galegas do concello de Cabana de Bergantiños desprazouse ó local social de Anos. Coma en anteriores xornadas, iniciarase co recitado cívico do cancioneiro popular do concello que foi lido por varios veciños a parroquia. A continuación, o alumnado local que pertence á Escola Municipal de Teatro representou a obra O Papón. Cancelouse a intervención da Escola Municipal de Teatro de Ponteceso coa obra A familia Porcón a cal se representará noutra xornada das Letras. Por último, seis alumnos da Escola Municipal de Música, baixo a coordinación de Silvana Martínez Cambón, ofreceron unha Actuación de canto tradicional.

Última cita cas Letras de Cabana

A última cita do programa das Letras Galegas será a do domingo 29 de maio no local social de Cundíns. Comezarase co recitado cívico do cancioneiro popular da parroquia de Cundíns. A Escola Municipal de Teatro representará A xuntanza dos ratos e a Escola Municipal de Teatro de Malpica, Os manteis roubados. Finalizará Ángel Eiroa cunha Proxección sobre o fotógrafo José Eiroa Fondo.

En Fisterra

Os vellos non deben namorarse foi a temática principal do día das letras galegas en Fisterra. O Salon de Actos do Concello encheuse con máis de 115 persoas para disfrutar do teatro de Castelao levada a cabo pola Compañía de Sueiro e Outes, que chegaron acompañadas cunha excursión de 30 persoas. Todos eles quedaron ademais prendados da maxia da fin do mundo.

Novas relacionadas

Fonte

Comentarios