Luns. 18.11.2019
El tiempo

A Deputación busca a mellor réplica de Dombate

A Deputación busca a mellor réplica de Dombate

Empresas e escultores da Costa da Morte, apunten: A Deputación da Coruña sacou onte a licitación a instalación dunha réplica de tamaño natural do dolmen de Dombate (neocámara), un proxecto valorado en 94.999,44 euros que terá como destino o centro de recepción e interpretación do dolmen.

O proxecto, dependente do Servizo de Patrimonio e Contratación do organismo provincial, terá un prazo de execución de tres meses, e deberá ter un especial coidado no seu mantemento e conservación, permitíndose unicamente a visita desde unha pasarela circular proxectada no pavillón do dolmen.

A data límite para a presentación dos proxectos é de 30 días naturais desde o día seguinte á última publicación.

Datos técnicos

Trátase da instalación dunha reprodución da neocámara e o corredor do dolmen a escala 1:1, que conterá 14 ortostatos, para o teito e o corredor da cámara; realizados en resina de poliuretano.
A construción contará tamén cun peche de madeira de 4,5x4,5; ademais dunha instalación eléctrica perimetral e cenital de ortostatos no interior da cámara.

Ademais, a réplica levará incorporado un expositor de esquina en taboleiro contrachapado fenólico vernizado en cor caoba cun módulo superior no mesmo taboleiro.

A subministración e a aplicación de pavimento en corredor e cámara serán a base de morteiro e recheo sen retracción, de alta resistencia, aditivado con inhibidores de corrosión, tintado en masa para imitar cor e textura da terra orixinal.

O interior

Así mesmo, o armazón interior (ou subestructura) contará cunha base de pontones de 9x9 cm e vigas de escuadría de 9x18 cm de piñeiro vermello, que deberá soportar os elementos de formación do perfil interior da cámara e do corredor.

A réplica efectuarase a partir dos traballos realizados anteriormente, da documentación gráfica da que dispón o Servizo de Arquitectura e dos planos que se achegan. No caso de que devandita documentación resultase insuficiente, o adxudicatario realizaría os escaneados e fotografías que fosen necesarios.

Máis información

Novas relacionadas

Novas sobre Dombate

Artigos relacionados

Comentarios