Luns. 21.10.2019
El tiempo

A Deputación licita as obras de reconstrución e ampliación da ponte de Xabarido sobre o río Anllóns

A Deputación licita as obras de reconstrución e ampliación da ponte de Xabarido sobre o río Anllóns
deputacion-ponte-xabarido O presidente da Deputación asegurou durante a súa visita a Ponteceso que antes de rematar agosto rematará o proceso de contratación destas obras A Deputación da Coruña vén de publicar na Plataforma de Contratación do Estado o anuncio de licitación das obras de reconstrución e ampliación da ponte de Xabarido, na estrada provincial DP 1405, que conecta os concellos de Cabana de Bergantiños e Ponteceso sobre o río Anllóns. O orzamento dos traballos ascende a 568.450 euros e as empresas interesadas poden presentar as súas ofertas ata o vindeiro día 3 de setembro. Tal como acordaran o presidente provincial, Valentín González Formoso, e o alcalde de Ponteceso, Lois García Carballido, durante a visita institucional realizada ao municipio o pasado 26 de xullo, a Deputación comeza antes de rematar o mes de agosto o proceso de contratación e execución dunhas obras “necesarias para eliminar un punto negro de tráfico”, debido ao estreitamento da estrada que non permite a circulación de dous coches simultaneamente e que, ao mesmo tempo, “contribuirán a dar unha solución definitiva aos problemas de fisuras e gretas existentes estrutura”. Pola súa banda, o alcalde de Ponteceso, Lois García Carballido, manifestou a súa satisfacción e agradeceu o compromiso da Deputación para “arranxar un problema de infraestruturas importante” e “facer realidade unha obra moi demandada polos veciños de Ponteceso e Cabana”, que servirá para mellorar a seguridade do tráfico e dos viandantes, xa que a nova ponte, ademais de ser máis ancha, contará con beirarrúas. Características da nova ponte As obras consistirán na demolición practicamente completa da actual ponte, que conta cun único vano de 19 metros, unha plataforma moi estreita e un deterioro considerable nas zonas de apoio dos estribos, e a súa posterior reconstrución, aumentando o ancho da calzada e a sección hidráulica de desaugadoiro. A nova ponte contará con dous vanos de 14 e 22 metros e pasará da actual calzada de 6 metros de ancho (que se estreita ata só 3 metros nas zonas de viaducto) a unha plataforma de 10 metros de ancho en todo o traxecto, conformada por dous carrís de circulación de tres metros, beiravías de 0,50 metros e beirarrúa de 1 metro en ambas marxes do vial e un petril metálico de medio metro, o que contribuirá a mellorar notablemente as condicións de seguridade do tráfico rodado e dos peóns que circulen por este punto. Durante a execución das obras será necesario o desvío do tráfico polo entramado de estradas existentes na zona, para o que se habilitará a correspondente sinalización unha vez que dean comezo as obras.

Novas relacionadas

Fonte

Comentarios