Domingo. 13.10.2024
El tiempo

As Polafías da comarca de Bergantiños chegan ás escolas

As Polafías da comarca de Bergantiños chegan ás escolas
A literatura popular nas Polafias da comarca de Bergantinos

Fantástica nova a que nos contan os membros da Asociación de Escritores en Lingua Galega. Veñen de colgar no Espazo Didáctico da súa web a unidade didáctica “A literatura popular nas Polafías”, coa que pretende achegar ao alumnado de Secundaria e á cidadanía en xeral as gravacións realizadas en lugares da comarca como Cerqueda, Cabana de Bergantiños, O Couto ou Tallo xunto a outras localidades galegas.

O autor desta ferramenta didáctica, elaborada baixo a coordinación de Antonio Reigosa, responsable da área da literatura de tradición oral da AELG, é o filólogo malpicán Xosé Manuel Varela Varela.

Nesta unidade didáctica pódense realizar actividades grupais sobre o conto popular, as lendas, as comparsas, a regueifa, a poesía popular, as comparsas, os vilancicos ou refráns e frases feitas. Nelas convídase aos usuarios a coñecer de modo sinxelo as características de cada un destes subxéneros literarios pero tamén a poñelas en práctica, a realizar gravacións etnográficas para despois colgar nos espazos dixitais dos seus colexios ou colectivos socioculturais e a organizar festivais coa literatura popular como contido.

O emprego das TIC tamén está presente na visualización dos vídeos dispostos no espazo da AELG chamado Literatura de Tradición Oral, vídeos que son os elementos de estímulo para inicio de cada actividade.

Neses vídeos aparecen informantes da comarca como Dolores Macías, recoñecida como Mestra da Memoria pola AELG neste 2016, así como Teresa dos Cucos de Pontella, Plácido Meiruco de Neaño, Matilde Castro de Limiñoa ou os regueifeiros Suso de Xornes, Antonio de Xornes, Xosé de Severo de Borneiro ou o falecido Fermín da Feira Nova, entre moitos outros.

A unidade didáctica pódese descargar en formato pdf para fotocopiar. Desde ela hai múltiples enlaces que conducen aos vídeos de cada subxénero traballado.

Máis información

Novas relacionadas

Máis novas

Fonte

Comentarios