Venres. 29.03.2024
El tiempo

Constituída a nova Deputación

Constituída a nova Deputación
Na xornada do pasado venres, 29 de xullo, celebrábase o pleno de organización da Deputación da Coruña. Serán dezasete os deputados que compoñan o ente provincial nesta lexislatura, dos que catro deles representarán á Costa da Morte. Partido Popular Por parte do Partido Popular, a ceense Zaira Rodríguez representará á Costa da Morte durante a primeira metade da lexislatura. Os vindeiros dous anos o posto será para Daniel Rego, voceiro dos conservadores en Camariñas. Rodríguez está á fronte da Comisión de Benestar Social, Políticas de Igualdade de Xénero e Normalización Lingüística. No norte da bisbarra, tirando xa cara Bergantiños, Perfecto Vázquez, concelleiro do PP en Cabana de Bergantiños, ocupará outro posto na Deputación durante os primeiros dous anos da lexislatura. Vázquez ocuparase da Comisión de Infraestruturas Viarias. En 2013 cederá o posto ao alcalde de Coristanco, Antonio Pensado. Partido dos Socialistas de Galicia No que se refire ao PSdeG - PSOE, a ceense Amancia Trillo ocupará unha das cadeiras na Deputación durante a primeira metade da lexislatura. Desenvolverá esta tarefa logo de colleitar os peores resultados do PSOE na historia do Concello de Cee. Dentro de dous anos daralle o relevo ao voceiro da agrupación en Carnota, Suso Campos. A decisión de nomear deputada provincial a Amancia Trillo xerou un gran número de discrepancias nas filas socialistas. Dende Fisterra ou Corcubión lembraron que segundo o acordado, por rotación nesta lexislatura sería a quenda para os dous concellos, compartindo á metade o posto. Incluso o alcalde de Dumbría, José Manuel Pequeño, ameazou con deixar a formación política. Bloque Nacionalista Galego O nacionalista Xosé Regueira, orixinario de Carballo, será o representante do BNG nas terras de Bergantiños. Aforro do ente provincial Dentro das políticas de austeridade que constituen o ataque máis valioso para as loitas electorais dos conservadores, veñen de anunciar un aforro de máis de 1,5 millóns de euros na Deputación, con respecto á lexislatura anterior. O aforro é dun 25%. O que non diminúe é o gasto da oposición, que foi aprobado cun aumento dun 5%. En canto ao réxime de sesións, as sesións ordinarias celebraranse o último venres de cada mes ás 12:00h, agás neste mes de agosto, por motivos vacacionais. As sesións ordinarias da xunta de goberno serán o primeiro e o terceiro venres de cada mes.

Novas relacionadas

Fonte

Comentarios