Domingo. 15.12.2019
El tiempo

TALENTO COSTEIRO NA DIÁSPORA

David Allo: “Precisamos tecer coa técnica como urdimbre e o ambiental como trama a todo o sector téxtil”

David Allo, cabanés profesional ambientalista do textil
David Allo, cabanés profesional ambientalista do textil
David Allo: “Precisamos tecer coa técnica como urdimbre e o ambiental como trama a todo o sector téxtil”

Ás veces, a manida frase de que o talento costeiro está marchando fanse realidade con exemplos como o que traemos hoxe. David Allo é natural de Cabana e traballa no sector textil aportando a súa visión ambientalista do noso mundo. Culpable da creación da sección de Natureza en QPC cando fala do seu traballo actual nunha das industrias máis globalizada do planeta, lembra aqueles tempos nos que vía ás avoas de Bergantiños traballando as nosas materias.

"Existen numerosos retos que van dende a época na que as nosas avoas levaban o liño na cabeza ós batáns de mosquetín ata o actual sistema produtivo no que eu me atopei co liño en Lituania", sinala.

  • Ola David, poderíanos explicar onde traballas e por que?

Traballo en Sabadell (O principal polo industrial textil de España, no seu día a Manchester Española) aínda que vivo en Barcelona e son de Cabana de Bergantiños. Estudiei unha enxeñería e teño un perfil moi empático ca natureza iso foi chave para a miña posición actual na que traballo como Responsable de Sostenibilidade da Asociación de Industriais Téxtiles máis importante que hai en España (TEXFOR), tócame dende xestionar e executar numerosos proxectos co foco de mellorar o desempeño ambiental en España e que innoven, ata estar en grupos de traballo de Bruxelas e Madrid para intentar implementar vangardas que nos axuden para que se evolucione o sector ou darlle resposta rápida os nosos asociados.

  • Pero… Como chegaches ó téxtil? 

Despois de varios traballos técnicos cheguei a ser consultor para marcas téxtiles en diversos proxectos: auditorías, estratexia, formacións, realizar estándares, memorias e o que para min foi o máis grato: pisar moitas fábricas analizando o desempeño ambiental delas por toda Europa, moitos avións, coñecer de cerca fábricas, procesos e produtos, as persoas que están detrás, desas persoas aprendín moitísimo: procesos de tintura e acabamentos, vertidos, emisións, eficiencia enerxética, uso de auga, xestión de residuos, materias primas … e moita a lexislación de medio ambiente e calidade de diferentes países europeos ese foi o paso previo a onde estou agora.

  • Como ves o sector téxtil en termos de sostenibilidade? 

Como creo que en moitos sectores toca derribar mitos en chave de sustentabilidade e todo o mundo está a poñerse ás pilas. Os que non crean e actúen en consecuencia en termos de  sustentabilidade verán reducido o seu mercado e mesmo están abocados o peche. O futuro será sostible ou non será. 

O téxtil “ten máis tela” ca outros sectores. As complexas cadeas de suministro a falta de transparencia, o descoñecemento xeral do sector.... Todo o mundo sabe que o aceite o os tomates do super non os planta nin os procesa o do super pero co Téxtil non todo o mundo ve tan sinxelo e as cadeas de valor, estas son complexas e cambiantes.

De agora en diante vai ser fundamental entender a complexidade e ter máis información sobre cada prenda.  Para responder a moitas preguntas: De onde ven a materia prima? Como se fía, tece, tinta, acaba e confecciona? 

Parece sinxelo pero non o é, o ritmo frenético das producións, as mesturas nos tecidos a variabilidade nas coleccións. Todo isto fai que existan diferentes cadeas de produción e polo tanto faise preciso coñecer numerosas implicacións sociais e ambientais pero ós consumidores fáltannos ferramentas para coñecer as implicacións do noso acto de compra.

Non creo que falte moito tempo para que esta información se traslade o consumidor final.

  • Crees que na costa da morte hai opcións para que se desenvolva a industria téxtil? 

Quitando a confección e a artesanía non hai moita tradición. Oxalá se abrisen fábricas con tecnoloxía punteira pero vendo o panorama nacional parece pouco probable, os polígonos, as boas comunicacións, ter en Galicia numerosas marcas, etc. Isto poderían dar opcións, pero por desgracia a industria téxtil é moi competitiva, dura, complexa e na actualidade pouco atractiva para as novas inversións en Europa.

  • E en España?

Italia, España e Portugal comparten moitos símiles na industria téxtil, salvando as distancias. Posúen na actualidade unha industria bastante resiliente a chave será ver se os clientes seguen a apostar por fábricas europeas: altos salarios, respectar os límites planetarios, pago de impostos, etc. Todos estas implicacións non son sempre valoradas polos clientes.

Se finalmente a transparencia pasa de tendencia a realidade, o impacto de novas lexislacións como a que busca a neutralidade de carbono co obxectivo no 2050, o camiño cara a polución Zero (que xa se está perfilando en Europa) a madurez do cliente final e a súa concienciación. Hai moitas variables que animan a ser positivos. 

  • Xa para rematar, ¿Que levarías a Barcelona e que traerías a Costa da Morte de Barcelona?

Pois a Barcelona, traería a familia, o acougo das nosas xentes e miles de sitios bonitos que temos nós pola contorna, o revés, un pouquiño de industria non nos sobraba ou canto menos máis actividade económica. Por desgracia na Costa da Morte as posibilidades de traballo e desenrolo son bastante limitadas, aínda que o mesmo tempo crean unha atmosfera de naturaleza  e unha fronteira entre a idade media e o mundo globalizado que é moi fermoso de disfrutar.

Comentarios