Venres. 19.04.2024
El tiempo

Diversiplás, a iniciativa medioambiental de Íntegro para fomentar a inclusión a través do aproveitamento das crebas

Diversiplas no Festieltras
Así foi o taller de Diversiplás no Festieltras
Diversiplás, a iniciativa medioambiental de Íntegro para fomentar a inclusión a través do aproveitamento das crebas

Trala súa estrea no marco do Festiletras, o proxecto medioambiental da Asociación Íntegro “Diversiplás, + diverso - plástico” vai collendo forma. A entidade abre á todo tipo de entidades este taller informativo e xa formula varios encontros con profesionais da pesca e o marisqueo.

O obxectivo é a recuperación e valorización de residuos plásticos derivados da actividade marisqueira e da pesca, fomentando o crecemento económico, a inclusión social, a creación de emprego e o apoio á empregabilidade, así como a mobilidade laboral nas comunidades costeiras e de interior, dependentes da pesca e a acuicultura.

Baixo o lema “Traballando dende a inclusión para unha Costa da Morte máis sostible” agóchase unha declaración de intencións coa que a entidade que preside Adolfo López Baña pretende promover a integración social das persoas con diversidade funcional preservando o medio natural da Costa da Morte e xerando novas dinámicas de colaboración para a posta en marcha de proxectos de economía circular.

O proxecto, que se desenvolverá en dúas anualidades (2021-2022), contempla varias liñas de actuación, entre as que destacan para este ano a posta en marcha dun programa de asesoramento e formación no tratamento e valorización de plásticos, dirixido ás persoas usuarias de Integro, en colaboración coa Escola de Enxeñería da Universidade da Coruña e a iniciativa Fair Enough, e outro de sensibilización, orientado ao sector do mar, para mellorar as boas prácticas e reducir a presenza de plásticos na súa actividade. Mentres, para 2022,está programada a creación dun taller para o aproveitamento e tratamento de residuos plásticos obtidos do mar e a dinamización dunha Rede de entidades colaboradoras (centros de ensino, concellos e confrarías da Costa da Morte) para a xestión de puntos de recollida de plásticos.

As primeiras citas

Hoxe comeza nas instalacións de Nantón (Cabana) un taller informativo para dar a coñecer polo miúdo o proxecto Diversiplás ás persoas usuarias e aos profesionais dos nosos centros de Día e Ocupacional. Xa na 2ª quincena, promoveranse encontros entre os nosos usuarios/as e os diferentes traballadores/as do sector marisqueiro e da pesca da Costa da Morte. O primeiro será o mércores 15 coas redeiras Illa da Estrela, de Corme, mentres que o día 22 visitarán unha zona de marisqueo acompañados/as polas mariscadoras da Agrupación da Confraría de Camariñas, que concluirá coa limpeza do areal de Ariño, en Camariñas.

Comentarios