Venres. 29.03.2024
El tiempo

Dombáter: Unha crítica a actuación no dolmen cabanés

Dombáter: Unha crítica a actuación no dolmen cabanés

Poucas voces discordantes soan arredor da actuación feita no Dolmen de Dombate, o berce do megalitismo galego. A musealización do dolmen mediante a construción de dous edificios parecía máis unha necesidade que unha intrusión no tempo, e todos os estamentos da bisbarra aceptaron de bo grado a actuación.

Pero non todos en Galicia son tan tolerantes. Hoxe coñecemos a visión dun dos grandes da nova xeira de arqueólogos galegos preocupados polo devir de Galicia, Xurxo Ayán, que con este título deixa clara xa a súa posición. Pero non perdan un dos seus argumentos.

Dombáter, por Xurxo Ayán

Eu era pequeno. Debeu ser polo verao de 1985. Despois dunha copiosa comida campestre por terras de Soneira a miña familia decidiu ir ver o castelo de Vimianzo e mailo castro da Cidá de Borneiro. De volta, ao pondaliano de meu pai deulle por porfiar que quería ver o dolmen de Dombate. Foi pouco antes das primeiras escavacións arqueolóxicas científicas no monumento megalítico a fins dos oitenta que permitiron localizar as súas afamadas pinturas e os idoliños líticos no corredor.

Pero daquela, a anta remanecía orfa e silandeira entre os piñeiros, semellaba um mollón prehistórico en leiras de ninguén, en terras de ningures. Nunca esquencerei aquela imaxe. O paso do tempo quizabes mitifique a estampa, pero desde logo semelloume a vella arca unha mole pétrea soberbia e un bo lugar para mexar.

Non volvín a Dombáter até hai pouco, a piques de rematar a seca primavera de 2011. Vai unha calor abafante, nunha tardiña de San Xoán na que non corre nin unha pisca de aire. O coche deténse nun ermo de brea que vén sendo un enorme aparcadoiro, orfo entre as leiras inzadas de millo. Silenzo. Poderïamos estar nunha vila anónima de Arkansas á hora da sesta, pero non, estamos na zona cero do megalitismo galego, no dolmen de Dombate, propiedade da Deputación Provincial de A Coruña. A escenografía arquitectónica que ocupa este espazo desde marzo lembra eses mastodónticos e feos supermercados Lidl da Europa do Leste, a xeito de sartegos nucleares no medio da chaira loéssica. Semella unha nave nodriza extraterrestre degoldrada sobre a arca de Breogán. Xa chegaron os marcianos e tamén che son galegos, canta razón vos tiña Antón Reixa.

Ler o artigo completo en Galicia Confidencial



Novas relacionadas

Fonte

Comentarios