Mércores. 24.04.2024
El tiempo

Íntegro forma a dez novos auxiliares de almacén

Íntegro forma a dez novos auxiliares de almacén
auxiliares-almacen-integro Dez persoas con diversidade funcional participaron nun programa de formación teórico e práctico Os dez alumnos e alumnas que veñen de rematar o curso de auxiliar de almacén, organizado pola asociación Íntegro e co-financiado pola Consellería de Política Social da Xunta de Galicia e o Fondo Social Europeo (FSE), xa están sobradamente preparados/as para afrontar a súa incursión no mundo laboral e afrontar novos retos profesionais. Como complemento á formación teórica, desenvolvida nas instalacións de Nantón do 2 de abril ao 29 de xuño, os e as participantes deste obradoiro estiveron realizando as correspondentes prácticas de capacitación en varias empresas de alimentación da Costa da Morte cuns resultados sobresaíntes como así constataron as empresas colaboradoras. Grazas a un convenio de colaboración asinado entre a entidade e os supermercados Gadis, Día (Iriago SL) e Eroski (Joalper SL), o alumnado tivo a oportunidade de poñer en práctica os coñecementos adquiridos realizando tarefas vinculadas coa súa formación como a clasificación, reposición, etiquetado e embolsado de produtos. integro-auxiliar-almacen O alumnado fixo as prácticas en tres supermercados da zona Esta acción formativa, incluída no programa Operativo de Galicia 2014-2020 e dirixida a persoas con diversidade funcional e/ou en risco de exclusión social da Costa da Morte, constou de 192 horas teóricas, destinadas a formación específica e competencias transversais, e 40 horas prácticas. Entre os principais obxectivos deste obradoiro destaca a inclusión social activa do alumnado coa finalidade de promover a igualdade de oportunidades, a participación activa e a mellora da posibilidade de atopar un emprego que contribúa á realización dunha vida plena, autónoma e independente. Tanto o contacto coas empresas, como a sinatura do convenio e a supervisión dos traballos realizados nas empresas correu a cargo da educadora social da entidade Tania Bartucca Nión, que subliñou a necesidade de continuar con accións formativas desta índole que faciliten os recursos necesarios para incrementar a empregabilidade dun dos sectores máis vulnerables da sociedade.

Novas relacionadas

Fonte

Comentarios