Xoves. 25.04.2024
El tiempo

O paro non baixa... simplemente a xente marcha da Costa da Morte

O paro non baixa... simplemente a xente marcha da Costa da Morte
Os datos, as veces, non amosan o evidente senón todo o contrario. O recente dato positivo de creación de emprego, que amosaba unha tendencia positiva nos últimos anos no referente ao descenso no número de parados na Costa da Morte, en realidade non é mais que un reflexo do despoboamento e abandono que vive o rural en Galicia en xeral e na Costa da Morte en particular. Cadro Comparativo Paro-Censo 2014-2017 As cifras do paro non se deben a un aumento nas contratacións senón mais ben a un descenso acelerado da poboación na bisbarra. Así o amosan as cifras do estudo de elaboración propia QPC, que como se pode apreciar no cadro da imaxe, amosa un saldo negativo na relación entre o descenso nas cifras do paro e a acadada no censo municipal entre 2014 e 2017. En total, a bisbarra tería reducido en 2.146 persoas as listas do paro nese periodo. Sen embargo, ao tempo, a Costa da Morte perdía nada menos que 2.971 habitantes. Así, a sensación que se extrae dos fríos datos é que si caeu o número de desempregados ben puido ser porque emigraron a outros lugares e non porque atoparan emprego. Na análise por concellos esta posibilidade parece ainda mais evidente. So dous concellos dos 18 de referencia para este xornal amosan un saldo positivo neste estudo, Carballo e Cee. Nos dous casos, o número de empregos creados é superior ao número de veciños e veciñas que desapareceron do censo (706 persoas na capital de Bergantiños e 27 en Cee), ainda que nos dous casos, a poboación residente descendeu significativamente neste periodo. O caso de Laxe é cando menos paradóxico, dado que a cifra de persoas que abandona as listas do INEM neste periodo é exactamente o mesmo que a de veciños que marcharon do lugar (59) neste último trienio. Por arriba, Muros e Vimianzo levan a palma, dado que nos dous lugares  a un nada significativo descenso no número de desempregados se une unha enorme caida no censo de poboación. Así, Vimianzo ofrece un saldo negativo de 231 veciños (perdeu 332 habitantes no periodo de estudo pero creou unicamente 101 empregos) mentres en Muros o saldo baixa a 221 (cunha perda de 283 veciños e creando unicamente 62 postos de traballo dende 2014 ata hoxe) Mais alá desta comparativa, o auténtico drama ao redor da mesma é a constatación de que a Costa da Morte segue a deshabitarse de xeito rápido e constante. Camariñas perdeu nestes últimos tres anos un 5% da sua poboación, Carnota outro 5 e Mazaricos case outro tanto. En total 2971 veciños e veciñas menos en 3 anos que ocultan e desautorizan os 2146 "novos" postos de traballo que, en realidade, poderían non ser mais que demandantes de emprego que se trasladaron a vivir a outro lugar onde si atoparon traballo e, tal vez, un futuro lonxe da bisbarra.  

Comentarios