Venres. 19.04.2024
El tiempo

O programa Diverescola de Íntegro retoma as aulas

O programa Diverescola de Íntegro retoma as aulas
diverescola-integro-zas O alumnado de infantil do CPI de Zas coñeceron o programad de inclusión a través de varios xogos O programa Diverescola de Íntegro - co obxectivo de crear sensibilidade e darlle visibilidade ás persoas con diversidade funcional - voltou onte aos centros educativos despois das vacacións do Nadal. Nesta ocasión, a versión máis infantil de Capacíta-T trasladouse ata o CPI de Zas para visitar aos alumnos e alumnas dos primeiros ciclos educativos e conciencialos/as en materia de diversidade e á inclusión. E para elo, nada mellor que o xogo e o entretemento. O pasado venres, 26 escolares de infantil e 12 de primaria participaron na primeira sesión de 2018 do programa Diverescola, unha iniciativa que achega aos máis cativos/as o día a día das persoas con diversidade. A xornada, que deixou momentos simpáticos e sorprendentes, desenvolveuse entre contacontos de sensibilización e diferentes actividades lúdicas nas que se empregaron técnicas de caracterización para representar algunhas das escenas máis cotiás da vida de quen padece algún tipo de discapacidade. Tamén se levaron a cabo pequenos circuítos de obstáculos para poñer a proba a destreza e habilidade dos nenos e nenas coa mobilidade reducida. E foron, precisamente, os/as máis pequenos/as quen, unha vez máis, nos deixaron impresionados/as coa súa naturalidade, espontaneidade e gran capacidade de asimilación. Ademais de tratarse dunha experiencia moi positiva e enriquecedora, a Diverescola ven a reforzar a aposta da entidade por unha educación inclusiva dende a infancia e unha aprendizaxe en valores. Desde Íntegro agardamos que este programa de educación infantil siga medrando entre a comunidade educativa ata implantarse nos centros de ensino da Costa da Morte como un complemento á formación dos máis cativos/as. Os colexios que estean interesados en acollerse a este programa non teñen máis que poñerse en contacto coa asociación Íntegro chamando ao 981 734 985 e concretar a data que máis lles conveña. Lesións medulares E dunhas aulas pasamos a outras porque a semana que vén Íntegro retomará a campaña de prevención de lesións medulares que está a impartir nos centros de primaria e secundaria da Costa da Morte para concienciar ao alumnado sobre as causas e consecuencias de sufrir un accidente medular. A cita será o vindeiro día 30 no CPI As Revoltas, en Cabana de Bergantiños.  

Novas relacionadas

Fonte

Comentarios