Martes. 10.12.2019
El tiempo

O Seminario de Estudos Comarcais reflexiona, para ben e para mal, sobre a declaración de BIC do Castro Borneiro

O Seminario de Estudos Comarcais reflexiona, para ben e para mal, sobre a declaración de BIC do Castro Borneiro

Atendemos conciencudamente á reflexión que nos envían hoxen dende o Seminario de Estudos Comarcais da Costa da Morte (SEMESCOM) sobre a declaración de Ben de Interese Cultural do castro A Cidá de Borneiro. A entidade quere amosar a súa satisfacción polo feito pero tamén quere facer unha reflexión sobre o esquecemento doutras declaracións BIC da nosa contorna.

Carta da SEMESCOM

Desde o Seminario de Estudos Comarcais recibimos con satisfacción, non podía ser doutra maneira, a declaración pola Xunta de Galicia de Ben de Interese Cultural para o castro A Cidá de Borneiro. Entendemos que esta é unha declaración merecida que deberá potenciar máis aínda os valores culturais do castro e a súa conservación, como tamén axudará á promoción da zona. A declaración é un recoñecemento a todos aqueles que traballaron nas súas diversas campañas de escavación, empezando pola primeira de 1933 e dirixida por Sebastián González García-Paz, nela colaboraron Xaquín Lorenzo e Salvador Parga Pondal.

A declaración de Ben de Interese Cultural (BIC) é a protección máxima que se lle pode dar a un ben para reforzar o seu valor e significado cultural, para reforzar o seu papel de testemuño histórico. Protexer, termo que asusta a moitos políticos locais, é un concepto propio dos países civilizados e avanzados. Protexemos o patrimonio para enriquecelo e legalo aos nosos descendentes coa intención de que comprendan o que foron e o que poderán ser. Ao tempo que estamos protexendo a un ben cultural estamos enriquecendo a nosa sociedade, porque unha sociedade sen patrimonio cultural non é sociedade, sería o caos. Sen patrimonio cultural non hai onde agarrarse, onde reafirmar as identidades. O patrimonio cultural actúa como un equipamento colectivo, crea sentido de colectividade ao facernos partícipes dunha memoria común desde a que entender o mundo no que vivimos. Grazas ao patrimonio cultural podemos mellorar.

Pero a nova da declaración non nos quita o desencanto, pois mirando ao arredor vemos outros bens culturais declarados que seguen no abandono total. Na Costa da Morte temos varios casos que nos levan a supoñer que o entusiasmo da declaración apagarase pronto. A igrexa parroquial de Moraime foi declarada BIC xa no ano 1972, o que non evitou o deterioro da súa contorna (construción dun cemiterio e arrasamento da zona de escavación arqueolóxica) e a case que perda das súas interesantes pinturas murais.

Caso paradigmático témolo nos monumentos megalíticos. Anunciouse a todo bombo co devalo do Prestige un Parque do Megalitismo da Costa da Morte; despois o goberno do bipartito declarou varias das grandes antas coa categoría BIC e, sen embargo, aí seguen “protexidas” polas silvas. Isto recórdanos unha polémica xerada por un delegado de cultura en Ourense do goberno de Manuel Fraga a raíz do roubo dun cruceiro. Viñera a dicir o señor delegado que a mellor maneira de protexer o patrimonio era que lle medraran as silvas ao arredor. E con esas parece que seguimos. Nós pensamos que a mellor maneira de protexer é a promoción que leve a que a sociedade faga seus eses bens culturais.

Outro caso témolo nos Penedos de Pasarela e Traba. Foron declarados paisaxe protexida en decembro de 2008 e, dende entón, seguen no maior dos esquecementos, cando a propia orden de declaración establecía un plano de acción que, entre outros, tiña que incidir na rexeneración da paisaxe protexida. Pero este goberno debe entender por rexeneración que medren os toxos.

Protexendo o patrimonio cultural protexemos a nosa cultura, que é a forma especificamente humana de existencia. Pero a protección ten que ir máis alá dunha declaración, ten que ir acompañada de medidas concretas que incidan na promoción, divulgación e dinamización do ben declarado. Estas medidas son as que non vemos.

Novas relacionadas

Fonte

  • Nota de prensa do SEMESCOM.

Comentarios