Xoves. 25.04.2024
El tiempo

O topónimo Cabana pode ter orixe gaélica e significar valgada

O topónimo Cabana pode ter orixe gaélica e significar valgada
O toponimo de Cabana pode vir do gaelico

Continuamos, da man do Proxecto Gaelaico, descubrindo as nosas raíces celtas. Se xa sabemos de onde poden vir os Cabo Vilán, o nome de Cee e mais Monte Pindo; hoxe imos ata Cabana, xa que os lingüistas do Proxecto Gaelaico consideran que a orixe do topónimo Cabana pode ser no gaélico irlandés.

En gaélico, un terreo no que hai outeiros e valgadas ou vales coñécese como 'cabhán’ ou 'cabhánach', e que ó pasar á toponimia se anglicanizou como 'Cavan'. Consideran pois que Cabana radica tamén na mesma descripción dunha orografía semellante e que a orixe do nome do lugar estaría nese vocábulo gaélico, desbotando así que o nome do lugar estea ligado ao significado de choza que tamén ten a palabra cabana.

Cabana = Val pequeno

Na República de Irlanda, no Ulster, moi preto da fronteira con Irlanda do Norte, atópanse a vila e o concello de 'Cabhán', palabra e topónimo que en gaélico irlandés significa valgada, fondal ou outeiro pequeno e que, como topónimo, foi anglicanizado como Cavan. Nese concello de 'Cabhán' ou 'Cavan', atópase outra localidade coñecida como 'Cabhánach', que en gaélico irlandés significa de abundantes valgadas, anglicanizada como 'Cavanagh'.

En Galicia, terra de vales, outeiros e valgadas, o topónimo Cabana(s) é frecuente. Polo xeral, considérase relacionado cun lugar no que houbo unha ou varias cabanas. A palabra galega cabana, co significado de choza, procede do termo latino capanna, choza, de capĕre, caber. Non entanto os lingüistas do Proxecto Gaelaico propoñen considerar a opción da orixe gaélica do nome deste lugar dada a súa orografía. É precisamente a topografía dos sitios a que adoita darlles nome. Unha cabana é un elemento pouco durareiro para nomear a un lugar, non así unha valgada que si permanece no tempo.

Cómpre lembrar que o Proxecto Gaelaico defende que onde se falou unha lingua, existiu unha cultura. É un proxecto de investigación baseado na relación entre as linguas e as culturas dos pobos da Europa Atlántica que naceu como unha iniciativa privada e independente.

Máis información

Novas relacionadas

Fonte

Comentarios