Xoves. 18.04.2024
El tiempo

Un completo Inverno da Memoria en Cabana

Un completo Inverno da Memoria en Cabana
Inverno da memoria 2014 Cabana

Prepara Cabana un completo programa cultural para este comezo de ano. "Inverno na Memoria 2014" volve achegar a cultura máis tradicional ás parroquias cabanesas. Metereoloxía, un día pola paz, os oficios de ribeira, a arqueoloxía, as tabernas bergantiñás... temas que nos farán voltar aos nosos antergos.

"Cando era tempo de inverno". Co meteorólogo SANTIAGO PEMÁN

O xoves 23 de xaneiro (15.30 horas), Centro de Recursos ÍNTEGRO recibe esa tarde a unha das caras máis coñecidas do mundo das predicións meteorolóxicas.
Santiago Pemán o "home do tempo" que aínda confía na sabedoría tradicional e que sempre ten un refrán listo para darlle explicación a calquera fenómeno meteorolóxico. Ademais do clima da zona, falará do Mentireiro Verdadeiro, do calendario Zaragozano ou do calendario luar tan seguido sempre no mundo rural para plantar ou podar...
Colaboran na actividade a Asociación Cultural Airiños de Nantón e a Asociación ÍNTEGRO.

Día da Paz. Na memoria do Mahatma Gandhi

O xoves 30 de xaneiro (10.00 horas), os nenos e nenas de infantil do CPI As Revoltas e do CRA Os Remuíños serán os protagonistas da celebración do Día da Paz 2014.
Entre as actividades a desenvolver no Auditorio Municipal da Carballa destaca o Obradoiro de Origami impartido po Yuko Ota, cidadá xaponesa con lazos familiares en Cabana. Seguindo coa mesma temática, a escola municipal de musicoterapia estreará unha danza xaponesa preparada por Silvia Losada.
As actividades rematarán cunha simbólica solta de pombas.
Estas actividades de achegamento á cultura e tradición xaponesa enmárcanse dentro do programa de intercambio cultural "Unidos por el sol" entre Xapón e Cabana de Bergantiños.

As carpinterías de ribeira en Cabana de Bergantiños

O martes 4 de febreiro (16.30 horas), toca sesión no Vello Aserradoiro do Asteleiro de Tedín.
Actividade didáctica de lembranza das carpinterías de ribeira na que participarán como público activo o alumnado de secundaria do CPI As Revoltas.
Rescatarán a memoria dun oficio en vías de extinción que no pasado adquiriu grande importancia no esteiro do Anllóns. Xa no século XVIII se recollía a existencia de talleres con encargos para a construcción de embarcacións de pesca ou cabotaxe. As razóns de porque esta ribeira foi abondosa en asteleiros e aserradoiros hai que búscala nos tres na tranquilidade das súas augas, situadas en lugar interior, protexidas por montes e con acceso directo ó mar e a abundancia de materia prima, a madeira, dos montes de Cabana.
Como oficio complementario e derivado de toda esta actividade, tamén se falará do xa desaparecido oficio de lancheiro.
Apoiados por fotografías antigas e documentos sonoros, tamén particarán no coloquio cos alumnosalgúns dos carpinteiros e lancheiros cabaneses como memoria viva dunha época e dun xeito de vida.

"Aínda recordo, aínda, o dolmen de Dombate"

Para o sábado 15 de febreiro (17.00 horas), imos ao Centro Arqueolóxico Dolmen de Dombate para tomar un Café da memoria lembrando as excavacións e posta en valor do Dolmen de Dombate. Trátase dunha mesa redonda que coñeceremos polo miúdo anécdotas da xoia arqueolóxica do concello cabanés, desde as primeiras excavacións de José María Bello ata as últimas de Manuel Lestón. Co xornalista Xosé Ameixeiras como moderador, contaremos coa participación dos arqueólogos José María Bello Diéguez, Ana Romero Masiá e Manuel Lestón.
Nesta actividade tamén colabora a Deputación da Coruña.

"Aqueles salóns de baile"

O domingo 23 de febreiro (17.00 horas), na vella taberna de José María de Neaño, sesión para a lembranza na antiga taberna de José María de Neaño, propietario e animador dun dos salóns de baile de referencia en Cabana de Bergantiños, o salón do Burreiro.
Cabana de Bergantiños foi unha terra sementada de salóns de baile. Case todas as parroquias contaban, polo menos, con un destes espazos. Incluso algunhas chegaron a contar con catro salóns ó longo de todo o século XX.
Estes espazos para o baile, ademais de ser o berce de moitas das orquestras de Bergantiños eran verdadeiros centros de actividade cultural. Tocaban acordeonistas, músicos de banda, orquestras da comarca e de fóra dela, cantábanse regueifas, representábanse obras teatrais e mesmo se realizaban pequenas actuacións circenses.
Contando coa colaboración da Asociación Cultural "Lúa Chea de San Xoán" será unha tarde con café, baile e repertorio musical da época con Eloy Mato ó acordeón e Sonia Pose ó micrófono.

Novas relacionadas

Fonte

Comentarios