Venres. 29.03.2024
El tiempo

Un libro sobre Dombate

Un libro sobre Dombate

O Centro Arqueolóxico de Dombate, en Cabana de Bergantiños, acolleu esta mañá a presentación do libro "O dolmen de Dombate: arqueoloxía, arquitectura e conservación", editado pola Deputación da Coruña. A publicación repasa, en 311 páxinas, o longo proceso de estudo, conservación e posta en valor do monumento megalítico máis importante de Galicia, tamén chamada a "Catedral do megalitismo galego".

No acto de presentación desta publicación, da que se editaron 1.000 exemplares, estiveron presentes o presidente da Deputación da Coruña, Salvador Fernández Moreda, e os autores da mesma Fernando Cebrián e José Yáñez, do servizo de Arquitectura da institución provincial; Francisco Vidal, arquitecto autor dos edificios que compón o Centro Arqueolóxico e Manuel Lestón, arqueólogo. O arqueólogo e restaurador Fernando Carreira, tamén coautor do libro, non puido asistir ao acto.

Pola súa banda, o portavoz dos autores do libro, José Yáñez, afirmou que o libro "reflexa en seis capítulos os diferentes aspectos técnicos e científicos do proceso" que se desenvolveu en Dombate, pero conta tamén cunha clara vocación divulgadora.

Dinamizando Dombate

Se no primeiro trimestre, con tanta obra, tan só houbo 308 visitas, neste primeiro mes dende a inaguración xa e contailizaron 2.985 visitas.

"A conclusión que podemos extraer é que o Dolmen de Dombate e o ambicioso proxecto de recuperación, conservación e posta en valor do monumento que realizamos está espertando un gran interese entre os cidadáns. E iso é para nós a maior das satisfaccións, pois nos indica que fixemos un bo traballo", afirmou o Presidente da Deputación Salvador Fernández Moreda.

Máis obras

Así mesmo, o presidente provincial coruñés recordou que a Deputación ten en fase de licitación diversas actuacións e infraestruturas pendentes para completar o proxecto museístico de Dombate, como a neocámara que se instalará no centro de recepción de visitantes (unha réplica a escala 1:1 do dolmen); os elementos expositivos, unha estación microclimática ou as actuacións de limpeza e conservación das pinturas parietales do interior do megalito; todo iso por un importe global de 263.000 euros; e apuntou que as empresas interesadas en participar poden presentar as súas ofertas ata o próximo 25 de maio.

Novas relacionadas

Visitas a DOmbate

Comentarios