Martes. 23.04.2024
El tiempo

Un novo Milladoiro para manter libre Corcoesto

Un novo Milladoiro para manter libre Corcoesto
Milladoiro por Corcoesto

Un dos grandes símbolos da loita contra a mina segue vivo. Este vindeiro sábado 6 de xuño, as xentes da zona, nomeadamente a Plataforma pola defensa de Corcoesto e Bergantiños, organiza o III Milladoiro por Corcoesto na Carballeira de Sta. Mariña (Corcoesto) dende as 13.30 en adiante. Un xeito de demostrar o legado social que nos deixou aquela batalla vencida.

Os milladoiros eran cheas de pedras colocadas ao pé dalgúns camiños ou cruces de camiños. En moitos lugares existía a tradición de que cando un camiñante pasaba por un determinado lugar, debía botar unha pedra máis á chea, de modo que co paso dos séculos, algúns milladoiros son dunha altura considerable, e formados por miles e miles de pedras.
Está moi estendida a opinión de que podería ser unha cristianización dun culto prerromano ás divindades dos camiños das que fala Estrabón, e que se mantivo con forza en época romana grazas ao sincretismo cos deuses viarios.

Así, un dúa de xuño de 2013, en plena loita, tiña lugar un acto lúdico cultural na Carballeira de Santa Mariña (Corcoesto) que rematou co levantamento dun Milladoiro multicolor. Pero as malas prácticas dos que non saben perder destruíuno aos poucos días. No ano 2014 outra vez a veciñanza da comarca levantou de novo outro MIlladoiro, que igualmente foi destruido aos poucos días.

Estes feitos leváronnos a establecer no primeiro sábado de xuño de cada ano, un reencontro veciñal e de amigos e amigas que sirva para manter en pé a loita contra a mina de Corcoesto, reconstruír o MIlladoiro e sexa tamén un día de lecer e de reivindicación colectiva.

A festa arrincará ás 13:30h coas Pandereiteiras de As Encrobas, para dar entrada ao xantar popular (cada persoa ten que traer o seu). A partir dás 16:00h comeza a actuación do Leo Arrecághona, que nos deleitará, de seguro, co seu guerreiro “Coristanco. Über Alles”.
Volverán as Pandereiteiras de As Encrobas, antes de que ás 17:30h teña lugar o simbólico acto de reposición do Milladoiro, para o que cómpre traer pedras, pintadas de cores. Xa ás 18:30h, haberá unha rolda de intervención dos veciños e veciñas que queiran compartir as sías inquedanzas.

Novas relacionadas

Fonte

Comentarios