Venres. 19.04.2024
El tiempo

Unha marcha entre Berdoias e Baio para reivindicar a Autovía Costa da Morte

Unha marcha entre Berdoias e Baio para reivindicar a Autovía Costa da Morte
Marcha-Autovia-Costa-da-Morte

Segue aberta a loita da Costa da Morte pola realización da tan necesaria Autovía. Tras máis de 2 anos de parálise, numerosas denuncias por parte do BNG, e mesmo unha colleita de sinaturas online proposta polo PSdG, a bisbarra prepárase para unha Marcha Reivindicativa pola Autovía da Costa da Morte.

Espera a bisbarra que a Xunta tome nota do enfado de toda unha bisbarra, como acontecera con aquela masiva manifestación pola ITV, que acabou por ser determinante para a construción da mesma.

Así, este sábado 23 de agosto, as 9:00h da mañá, un grupo de persoas preocupadas polo abandono en que se atopan as obras da autovía da Costa da Morte, comezará unha marcha dende Berdoias ata Baio nunha primeira etapa. A semana seguinte realizarase o tramo entre Baio e Carballo.

”Nesta marcha non vai haber bandeiras nin símbolos partidistas. O único partido que nos importa é que a Xunta de Galicia execute as obras e cumpra coa comarca. Non sei se seremos moitos ou poucos pero algúns non nos resignamos a esta aldraxe permanente que se mantén con total impunidade coa Costa da Morte”, informan os promotores, que ao tempo expoñen as súas esixencias:

  • Queremos que se retomen as obras.
  • Queremos unha vía de comunicación digna.
  • Queremos que se cumpran os compromisos.
  • Queremos que se nos trate coa dignidade que merecemos.

O punto de encontro será en Berdoias de onde sairemos as nove da mañá. Organizarase un servizo de transporte entre Baio e Berdoias para o retorno.

Máis información

Novas relacionadas

Comentarios