Venres. 29.03.2024
El tiempo

Veciños de Corcoesto trasladan á Xunta o seu malestar ante o perigo da mina

Veciños de Corcoesto trasladan á Xunta o seu malestar ante o perigo da mina

Veciños e membros da Plataforma pola Defensa de Corcoesto reuníronse onte en Santiago de Compostela co Secretario Xeral da Consellería de Industria, Borja Berea e a Subdirectora Xeral de Recursos Minerais, María José Mijares, para trasladarlle a súa total oposición ao proxecto mineiro.

No transcurso da reunión os veciños afectados expuxeron aos responsables da Consellería a "grave alteración que supón o proxecto para a súa calidade de vida, a perda total do valor do seu patrimonio e o negativo impacto que o proxecto vai ter sobre a riqueza forestal dos seus montes, sobre a paisaxe e o medio ambiente da comarca de Bergantiños". Destacaron que "é inadmisible que se autorice un proxecto que teña previsto deixar en Corcoesto 17 millóns de toneladas de residuos tóxicos sen garantías ambientais suficientes, e cunha balsa de residuos de lixiviados sen encapsular que ocupará 65 hectáreas de monte (1231 ferrados), co conseguinte risco de contaminación das augas soterradas durante centos de anos".

Igualmente salientaron que "o proxecto nin sequera cumpre coa lexislación específica de minas por non estar suficientemente acreditados os recursos existentes, xa que o 80% dos mesmos son inferidos. Isto indica que non se sabe o ouro que hai nos montes polo que consideran que se trata de un proxecto puramente especulativo, e que pode estar comprometida a viabilidade económica do xacemento".

Criticaron tamén que "o proxecto estea sendo tramitado como proxecto industrial estratéxico, cando na fase de exposición pública nin sequera contiña a documentación mínima esixida pola normativa", e defenderon que "este proxecto non é estratéxico para Galicia". Recordaron ademais que "tampouco contiña un estudo arqueolóxico do ámbito do proxecto nin se fixo público o presentado recentemente pola empresa mineira, vulnerándose así o dereito dos cidadáns a coñecer a documentación e a presentar as alegacións pertinentes nos prazos establecidos".

Tamén incidiron "nos fallos de natureza técnica que contén o proxecto que comprometen a seguridade do mesmo e do risco de alteración do sistema hidrolóxico da zona, do río Anllóns e da ría de Cabana, lugares de interese comunitario e especialmente protexidos pola normativa europea".

Por último demandaron da Consellería "o máximo rigor e que se esixa á empresa mineira o estrito cumprimento de toda a normativa aplicable, ao tempo que sinalaron que de autorizarse o proxecto con todos os defectos que presenta, acudirán aos tribunais para paralizalo".

Novas relacionadas

Fonte

Comentarios