Xoves. 28.03.2024
El tiempo

17.000 visitantes fan do Encaixe un produto de moda a pesar dos recortes

17.000 visitantes fan do Encaixe un produto de moda a pesar dos recortes

Conseguiuno. Definitivamente, Camariñas conseguíu colocar o Encaixe tradicional no camiño das novas tendencias, no camiño da moda. E así o vimos comprobando ano tras ano na Mostra do Encaixe de Camariñas, que cada edición acolle máis e máis xente.
Este 2012, nada menos que unhas 17.300 visitas as que recibiu a Mostra durante os 5 días de Semana Santa, cifras representativas da calidade de unha Mostra que segue marcando a diferenza e manténdose como referencia do Encaixe a nivel internacional.

E foi unha Mostra solidaria (os voluntarios do Prestige foron protagonistas) e reivindicativa, pois este ano as axudas foron menores que nunca. A propia Concelleira da Mostra, Sandra Ínsua, encantada cos resultados, quixo deixar claro que “aínda que foi a Mostra que contou coa metade de recursos económicos que o ano anterior, a creatividade e o bo facer das persoas comprometidas co noso Encaixe, fixeron que un ano máis as persoas escolleran a Mostra do Encaixe como visita obrigada na Semana Santa da Costa da Morte.”
Durante o acto de clausura, Sandra Insua fixo referencia ademais aos 22 anos da Mostra facendo unha analoxía coa idade de un adulto recente. “Sabemos que a adultez nova, as veces é incomprendida, é unha etapa de re descubrimento, de aprendizaxe que debe estar acompañada de todos aqueles que confían nun, de tódalas persas que poden orientar e que se comprometen para que os proxectos saian adiante”. Con esta comparación fixo unha chamada de atención para que o goberno autonómico e estatal non continúe reducindo o orzamento destinado á Mostra. "Non se pode criar un fillo e deixalo cando chega a maioría de idade". Insúa fixo unha especial mención a directora da Mostra, Dolores Lema, quen “este ano tivo que traballar máis da conta debido a miña inexperiencia”.

Novos Deseñadores

Os Desfiles sempre cheos na Mostra do Encaixe de Camariñas

Unha das citas máis esperadas é o XIX concurso de Deseñadores Noveis. I é que os desfiles continúan sendo o maior reclamo e acaparando a atención do público. Durante a varias xornadas completouse o aforo do salón onde se realizan os pases de moda de noveis e grandes deseñadores.

Os tres primeiros premios resultaron do fallo dun xurado profesional formado polas deseñadoras e deseñadores, Charo Carrillo, Ana Cabranes, Jose Matteos, Cristóbal Vidal e Franco Quintáns.
A viguesa Jessica Costas Alonso, gañou o primeiro premio valorado en 2.104€ coa colección “Ídem”, un traballo pensando en clave de Encaixe e inspirado en pezas tan galegas como os orixinais e elegantes chuvasqueiros transparentes que combinaban con prendas brancas e rosadas.

En segundo lugar quedaron as deseñadoras Raquel Sousa, Olalla Varela e Alba Vázquez, tres novos talentos de Ourense (grupo A) que presentaron “Vingt ans”, unha pasarela contemporánea, baseada en vestidos negros longos de raso, de corte ancho e de impresionantes escotes de costas, resaltados con Encaixe de Camariñas. O valor do segundo premio é de 1.202 euros aportados por Frigoríficos de Camariñas S.L.
E o terceiro posto foi para Lola Contreras Moreno, de Granada (grupo B) polo seu traballo “Los Caprichos de Atenea”, unha creatividade pensada en branco e baseada no romanticismo e o lado máis suxerinte da muller. O premio foi de 601€ co patrocinio da Asociación de Empresarios e de Promoción Turística de Camariñas.
O recoñecemento do público tamén foi para o granadino, Rafael Núñez Rodríguez, cun premio financiado polo Grupo Correo Gallego.

Delegacións internacionais

Impresionante a participación internacional na Mostra. Ata 14 delegacións de todas as partes do mundo participaron da mesma (Rusia, Polonia, Bulgaria, Inglaterra, Francia, Italia, Suiza, Portugal e Bélxica), polo que se fixo unha demostración da aplicación do distinto encaixe na Mostra de maior referencia a nivel mundial.

Na pasarela púidose apreciar o traballo das palilleiras italianas (Offida e Novedratte) que amosaron o ‘labor’ meticuloso idóneo para lucir en eventos importantes.
As encaixeiras de Peniche (Portugal) ofreceron pezas únicas aplicadas en deseños estivais, onde o protagonista é sen dúbida o encaixe.
As delegacións rusas apostaron polas aplicacións en traxes de cerimonia, onde destacan os encaixes vistosos sobre tecidos sobrios como o raso.
En deseños máis tradicionais púidose ver o encaixe Polaco, que fai unha aposta firme pola tradición e sobriedade.

Hai canteira

Durante a xornada doúltimo día da feira, continuaron as demostracións en vivo da Escola infantil de palillo, da Escola municipal de Deseño e das palilleiras consagradas que fixeron de Camariñas, a capital do Encaixe. As 12 do mediodía procedeuse a entrega de agasallos “Coats” ás palilleiras máis novas do concello, as que continuarán cunha tradición centenaria, aportando modernidade e promovendo unha cultura única a través do traballo artesán. O alcalde camariñán, Manuel Valeriano Alonso, convidou aos pais e nais a motivar ás súas fillas a aprender a palillar, xa que segundo el, o Encaixe de Camariñas “non só é tradición, senón tamén economía e supervivencia”.

Unha de Balonmán

Entre as actividades paralelas destaca o primeiro campionato de Balonmán Feminino, que se realizou durante a xornada do sábado e do que resultou gañador o equipo local Encaixe de Camariñas na categoría Sénior, e a Escola Municipal de Camariñas en infantil. Foi un acto emotivo, no que tamén estiveron presentes os equipos participantes, Ártago, o Club Balonmán de Narón e o Balonmán Xallas.

Irmandamento italiano

O concello de Camariñas asinou durante a Mostra o irmandamento co seu homólogo italiano de Novedratte. Na sinatura estivo presente o alcalde camariñán, Manuel Valeriando Alonso, a concelleira delegada da Mostra, Sandra Insua, o vice alcalde de Novedratte, Serafino Grassi e o tenente de alcalde de Peniche (Portugal), Jorge Amador, todos eles acompañados de numerosos visitantes.
Con esta sinatura oficializouse un acordo de fraternidade que xa se apalabrara na anterior edición da Mostra, e se aprobou en pleno o recente 30 de marzo. A presenza de Peniche neste compromiso reforza a validez do irmandamento, xa que foi en xullo de 2011 cando o concello portugués asinou o mesmo acordo con Camariñas.

Xurado Profesional

As grandes firmas presentes nesta XXII edición da Mostra do Encaixe de Camariñas ademais de apadriñar aos novos talentos da moda, son os responsables de decidir que coleccións son merecedoras do recoñecemento oficial. Entre os membros do xurado está Ana Cabranes, a deseñadora asturiana que repite un ano máis na Mostra, este vez de un xeito especial, por ser o seu deseño o protagonista do cartel de esta nova edición.
José Metteos, estrease como membro do xurado, pero non na Mostra do Encaixe, onde participou en edicións anteriores como deseñador novel.
Cristobal Vidal, tamén será un dos prestixiosos deseñadores que votará polas mellores coleccións.
A moda para tódalas idades presentouse da man de Franco Quintáns, outro dos membros do xurado profesional, que ofreceu en Camariñas unha colección de traxes de cerimonia para as máis pequenas da casa e para noivas distinguidas e contemporáneas.
Charo Carrillo, a deseñadora e peleteira máis comprometida do Encaixe de Camariñas, non se quixo perder esta nova cita, e ainda que non presentou colección na pasarela, formará parte do prestixioso xurado.

Imaxe da inauguración da Mostra do Encaixe de Camariñas 2012

Novas relacionadas

Máis novas relacionadas

Fonte

Comentarios