Venres. 19.04.2024
El tiempo

A Costa aproveita o Día do Libro para crear un ambiente de lectura nas escolas

A Costa aproveita o Día do Libro para crear un ambiente de lectura nas escolas

Intenso viviuse o Día do Libro na Costa da Morte. Varias e moi interesantes as propostas quenos chegaron dende Os Muiños, Ponteceso e a Ponte do Porto. Todos cunha idea común, a de aproveitar a efeméride para conseguir un mellor ambiente de lectura nas escolas, como dita o manifesto no que participou o mestre da Ponte do Porto Elimio Roca, entre outros mestres de toda España. Un Roca que é dos que pensa que "celebrar certas efemérides está moi ben para dar un toque de atención, pero o que realmente conta é o día a día". E así o refrenda a programación anual que prantexa o IES Pedra da Aguia.

Unha lectura común na Ponte do Porto

O propio Emilio cóntanos como viviron o Día do Libro no IES Pedra da Aguia. Se o pasado mes varios alumnos mantiñan un encontro no IES Pedra da Aguia cos autores de “O mundo secreto de Basilius Hoffman”, como vemos na imaxe, no día de onte procederon a realizar unha “lectura común”, lendo os memos contos breves en cada aula a un tempo, tralo recreo.

Entrementres, o centro camariñán continúa con outra actividade en funcionamento. Trátase do xogo “O mes dos libros-O libro do mes” que consiste nun xogo de pistas no que o agasallo para quen acerte antes a solución é un libro. Ademais desto os membros do Club de Lectura “Arao” de alumnos viarán este xoves á Coruña para visitar a librería da Fnac e que decidan eles que mercar para a biblioteca, se ben as mercas habituais do centro é nas librerias do concello.

O programa do Pedra da Aguia vai moito máis aló. "Ao longo do curso", cóntanos Emilio, "temos dous días á semana na que poñemos en práctica a “Hora de ler” (proposta da Asesoría de Bibliotecas Escolares de Galicia) durante un periodo de tempo de 15-20 minutos. Igual que mantemos, sobre todo nos primeiros cursos, as “Mochilas viaxeiras” (tamén proposta da Asesoría) con materiais que van ás casas dos rapaces. Ofertamos a principio de curso o programa “Lendo a pares” para fomentar que nas casas lean os mesmo libros que len os rapaces, (se ben este curso non houbo demanda). E seguimos mantendo “Cine para falar” (1 por trimestre), na que reunimos a adultos e nenos en torno a unha proxección cinematográfica, que non é unha actividade propiamente de lectura pero que axuda a manter un ambiente propicio, igual que sucede coa actividade do “Grupo de encontro e debate” (1 reunión por mes) que reune a pais/nais, profesores, orientadora e especialistas en diferentes áreas).

Lectura e danza en Ponteceso

Poderoso programa o artellado polo Concello de Ponteceso e para o que contaron con personalidades como Tamara Lema, Mercedes Suárez, María Canosa (sentada), Óscar Rey, ademais de Sarela e Cristian, da Escola de danza Druída, que interpretaron un petisco de " El cascanueces" mentres María Canosa lía o seu libro.

Foi a máquina de Tamara Lema a que lles escenificou un conto mentres os alumnos de 2º ciclo de EP dos colexios As Forcadas e Eduardo Pondal non perdían un segundo de atención.

Unha maratón lectura nos Muíños

O CEIP Os Muíños, a pesar de ser unha escola 2.0, tamén coida a lectura. Onte celenrou unha maratón de lectura na que participaron o alumnado, profesorado e familias, e mesmo o alcade. De 10:30 a 15:30h foron pasando alumnos polo estrado para ler “Memorias dun neno labrego” de Xosé Neira Vilas, dando continuidade ao tema tratado durante todo o curso polos escolares: “Os muíños e as tradicións”.

A cita rematou con “Os de marras”, a orquesta formada polo alumnado de 5º. Ao remate fíxose entrega dos premios aos mellores lectures participantes no concurso de lectura en voz alta “Lemos poemas”, celebrado o pasado 30 de marzo para dar fin ao “Mes da poesía”.

Novas relacionadas

Fonte

Comentarios