Xoves. 28.03.2024
El tiempo

Alumnos de 4 centros únense á mundial Limpeza Simultánea de Praias

Alumnos de 4 centros únense á mundial Limpeza Simultánea de Praias

Numerosas entidades de toda Galicia únense para unha "Limpeza Simultánea de Praias no día dos Océanos" para concienciar á sociedade ante o problema da contaminación mariña. Unha xornada que se desenvolverá este venres 8 de xuño, e no que participarán varios centros educativos e entidades da zona, que farán unha completa xornada de limpeza en 5 praias da zona (independientemente de se teñen ou non Bandeira Azul):

  • A Praia de Camelle será limpada polos alumnos do CEIP de Camelle.
  • A praia da Langosteira será limpada polos alumnos do IES Fin do Camiño.
  • A Praia dos Muíños será limpada, no marco do Programa de voluntariado do concello de Muxía, polos cativos do CEIP Os Muíños.
  • A Praia de Traba será limpada polos alumnos do IES Maximino Romero de Lema de Baio.
  • A praia do Porto de Quilmas será limpada pola Cooperativa Raínha Lupa, a Plataforma pola defensa do Patrimonio de Quilmas e ADEGA-Costa da Morte.

"Únete e limpa a túa praia!"

Baixo o lema "Únete e limpa a túa praia!" ADEGA ven de convocar a entidades das tres provincias costeiras que farán unha limpeza simultánea este venres 8 de xuño. Centros de ensino público, institutos, universidades, escolas de surf, centros de mergullo, asociacións culturais, colectivos ecoloxistas en máis de 20 concellos dende Nigrán a Ribadeo mobilizarán a grandes e pequenos/as pola defensa dos océanos.

A limpeza de praias debe facerse de xeito manual, respectando os ecosistemas dunares, e tendo especial coidado coa fauna e flora que nelas habita. As limpezas con maquinaria pesada nas praias, limpezas nada selectivas que retiran todo canto atopan, ameazan a supervivencia de moitos organismos. É preciso pois, entender que as praias son ecosistemas vivos, e que o argazo non é lixo, senón alimento para moitas especies que viven nas praias e das que outros se alimentan.

ADEGA edita para esta actividade un protocolo de actuación para unha limpeza de praias “ecolóxica”, que se repartirá entre os participantes da actividade.

Limpeza no Touriñán

Ademais, anunciamos que Sven, un dos voluntarios da Marea Branca e coordinador da rede de voluntariado libre, está organizando para este sábado 9 de xuño unha limpeza en Cabo Touriñán. I é que aló embaixo do Faro segue habendo un vertedoiro, añinda que pareza surrealista, dende o 2010.

O obxectivo é reunir un grupo de persoas con intereses comúns para limpar unha zona de preto do faro.
Despois de recoller o lixo, os participantes compartirán un picnic e pola tarde facer algunha excursión polo entorno.

A reunión será na Rampa de Cabo Touriñán a partir das 12:00h (se chove, a actividade trasladaríase para o domingo a mesma hora no mesmo lugar) e non deixes de levar sacos para recoller o lixo, guantes e o teu propio almorzo.

Limpeza dos surfistas

Uns que colleron unha boa herencia medioambiental foron os mariñeiros da zona que veñen, por exemplo, de artellar unha xornada de Limpeza das Rías da man dos voluntarios do Prestige. E outros que tamén entenden que o legado do mar é vital son os surfeiros da zona. De feito, tiñan prevista unha limpeza da súa praia fetiche, a de Nemiña, para o pasado día 2 pero o mal tempo aprazou a sesión.

Teremos que esperar a ver como os surfistas limpan as praias que non limpan os Concellos. Estaremos atentos a anuncialo, pois pode que sexa xa a semana que vén.

Novas relacionadas

Fonte

Comentarios