Venres. 23.10.2020
El tiempo

Camariñas aproba a súa ordenanza de tenenza para animais de compañía

Camariñas aproba a súa ordenanza de tenenza para animais de compañía

O pleno camariñán celebrado este pasado venres deixou aprobada, inicialmente, a Ordenanza municipal para a defensa, protección, benestar e tenencia responsable de animais de compañía. Os votos favorables do grupo de goberno e un do Partido Popular, así como as abstencións de tres edís do grupo municipal popular e da do BNG, permitiron aprobar un texto que, por exemplo, recolle duras sancións para quen non cumpla co civismo e non recolla os excrementos da rúa.

A ordenanza obriga aos responsables a proporcionarlles auga, alimento, aloxamento; sometelos a revisións veterinarias precisas e prestarlles todos aqueles tratamentos veterinarios preventivos, paliativos ou de curación que sexan precisos; proporcionarlles o necesario exercicio físico e descanso, así como unha contorna libre de tensión, medo e sufrimento.

A Ordenanza recoñece sancións tamén por maltrato, por limitación de mobilidade ou abandono, e obrigará ao Concello a cumprir os requisitos.

Queda prohibido levar soltos nas vías públicas aos animais “excepto naqueles lugares nos que se permita que transiten en liberdade”.

Duras sancións

As sancións administrativas tipificadas como leves, graves e moi graves, van desde a sanción económica de 100 ata os 30.000 euros.

Presenza nas praias

Con carácter xeral, permítese a presenza de cans nas praias do termo municipal. Non obstante, no período comprendido entre o 1 de xuño e o 30 de setembro, queda expresamente prohibido o acceso ás praias de Camelle, Arou, Lingunde, Area da Vila, Lago, Ariño, Pedrosa e Area Grande.

Outros asuntos do pleno

Nesta sesión, aprobouse provisionalmente a modificación da base 52 do Orzamento 2019, prorrogado para o ano 2020 para a creación de subvencións nominativas, cos votos a favor do grupo municipal socialista, votando en contra o Partido Popular e o Bloque Nacionalista Galego.

Por outra banda, o grupo municipal socialista presentou varias mocións, no relativo ao desdobre de aulas no CEIP Areal, e ao sobre custe da limpeza e desinfección dos centros educativos de titularidade autonómica. A primeira aprobouse por unanimidade, e a segunda cos votos a favor do grupo municipal socialista e do BNG, dous en contra do grupo municipal popular e dúas abstencións do propio Partido Popular.
Na liña desta última, tamén presentou unha moción o Bloque Nacionalista Galego. Votouse favorablemente, cos votos positivos do grupo municipal socialista e do Bloque Nacionalista Galego, dous en contra do Partido Popular e dúas abstencións do grupo municipal popular. Tamén foi presentada unha moción relativa á problemática do ISM de Corcubión, aprobada por unanimidade.

NOVAS RELACIONADAS

CAMPAÑA DE CONCIENCIACIÓN DE ARGOS E SALVACADELOS

comentarios