Mércores. 01.04.2020
El tiempo

Camariñas repartirá 4.800 euros en premios no Concurso de Comparsas de Entroido

Cartel do entroido de Camariñas.
Cartel do entroido de Camariñas.
Camariñas repartirá 4.800 euros en premios no Concurso de Comparsas de Entroido

O Concello de Camariñas deseñou un completo programa de actividades para o Entroido no que a principal novidade está na celebración, por primeira vez, do Concurso de Comparsas na Ponte do Porto, ademais do tradicional de Camariñas. Polo tanto nesta edición volve a aumentar a contía dos seus premios repartindo 4.800 euros en total.

Na Ponte do Porto celebrarase o Concurso o domingo, 23 de febreiro, e en Camariñas será o luns, 24 de febreiro. En ámbolos dous certames poderán participar as 12 primeiras comparsas que se inscriban no Rexistro Municipal ou a través da sede electrónica. As restantes quedarán nunha lista de reserva. O prazo está aberto desde mañá, 11 de febreiro, e ata o mesmo día dos Concursos (no caso da Ponte do Porto será ata o venres anterior) e as comparsas deberán estar formadas por un mínimo de 10 persoas.

Na Ponte do Porto repartiranse 2.000 euros. As contías do concurso serán de 300 euros para o primeiro premio, 200 euros para o segundo e 175 euros para o terceiro. Ademais, as comparsas que non resulten premiadas recibirán unha axuda económica de 10 euros por cada persoa participante ata un máximo de 100 euros.

Neste caso, o concurso consistirá nun desfile, con saída desde o paseo ás 11 horas para chegar ás 12 horas ao pavillón municipal e alí levarse a cabo a actuación de cada comparsa.

No certame de Camariñas a contía dos premios ascende a 2.800 euros. Están divididos en 700 euros para o primeiro premio, 500 euros para o segundo e 300 euros para o terceiro. Ademais, as comparsas que non resulten premiadas recibirán unha axuda económica de 10 euros por cada persoa participante ata un máximo de 150 euros.

O concurso consistirá nun desfile, con saída ás 19:30 horas da Praza do Concello e que percorrerá diferentes rúas da parroquia ata chegar ao Pavillón Municipal, onde ás 20:30 horas horas comezará a actuación sobre o escenario.

Ao remate das actuacións, que deberán ter unha duración de entre 5 e 20 minutos, un xurado formado por persoas designadas polo Concello será o encargado de designar os gañadores, valorando a orixinalidade, o vestiario, a maquillaxe, decoración e posta en escea.

Entroido en todas as parroquias

O Concello programou actividades de Entroido en todas as parroquias. Así, comezarán o domingo, 23 de febreiro, en Xaviña. A partir das 16 horas instalarase unha carpa na praza da Igrexa onde actuará o Dúo Ciclón, haberá concurso de disfraces (individual, parellas e comparsas) e tamén se repartirán chocolate, orellas e filloas.

O luns, 24 de febreiro, será a quenda para Camelle. Alí instalarase unha gran carpa na que haberá inchables, música, chocolate e doces. Por último, o martes 25 de marzo, a festa terá lugar ás 16:30 horas no Pavillón Municipal de Camariñas, onde haberá música e tamén inchables, chocolate e doces para todos.

Enterro da sardiña

Para poñer punto e final aos festexos do Entroido, o sábado 29 de febreiro organizarse o Enterro da Sardiña. Os actos comezarán ás 17  horas na Casa de Pedra cun Velatorio, ás 17:30 horas haberá unha Marcha Fúnebre coa batucada Malandros, e ás 18 horas, na praza do mercado, terá lugar o enterro e os asistentes poderán gozar dunha gran chocolatada.

Neste evento colaboran ‘As Choronas’ e a Asociación Cultural ‘A Caramuxa’.

comentarios