Xoves. 25.04.2024
El tiempo

Cruz Vermella trata a Educación Sexual e prevención de drogas nas escolas da bisbarra

Cruz Vermella trata a Educación Sexual e prevención de drogas nas escolas da bisbarra
Cruz Vermella Vimianzo en Camarinas sobre educacion sexual e drogas Cruz Vermella Vimianzo na Ponte do Porto falando sen cancelas sobre educación sexual e drogas

Son temas tabú no actual sistema educativo a pesar de ser parte da nosa vida. Por iso teñen que ser entidades como Vieiro, ANPAs ou Cruz Vermella as que a saquen do silencio administrativo.

Desta volta touclle á Cruz Vermella Vimianzo achegarse polos centros escolares de Vimianzo, Ponte do Porto, Mazaricos, Cee e Carnota, para tratar, con naturalidade, a educación sexual e drogas. Foron 209 alumn@s os que puideron falar do tema sen reparos ante as especialistas da entidade. Este ano, Cruz Vermella, ven de rematar os talleres no centro educativo de Vimianzo e deu comezo esta semana no da Ponte do Porto.

As formadoras comprobaron que actualmente os mozos inician os consumos, sobre todo de alcohol e tabaco, a idades moi temperás así como o seu descoñecemento no ámbito da sexualidade. Así os datos obtidos mostran a errónea percepción e a des información da xuventude en temas cos que tratan na súa vida diaria.

Drogas

Segundo numerosas estatísticas, a mocidade iníciase nas drogas legais, tabaco e alcohol, ós 13-14 anos e nas ilegais en torno aos 15. Canto antes se inicie a concienciación e sensibilización dos e das menores, mellores resultados se poderán obter. Debido a isto a Cruz Vermella de Vimianzo segue apostando pola prevención, a información e a sensibilización para que a mocidade da Costa da Morte desfrute da súa xuventude pero, ó mesmo tempo, sexa consciente dos riscos que conlevan certas prácticas e conductas.

Así pois, nos talleres sobre Drogas cabe destacar que o 36% dos alumnos/as crían que o consumo de drogas facilita as relacións persoais, sendo máis abertos e sociables. Un 40% cría que o consumo de alcohol durante os fins de semana non supoñía risco para a saúde. Ademais os resultados mostraban que os alumnos/as non son conscientes da influencia da publicidade e dos valores persoais de cada un nos consumos deste tipo de substancias.

Un dato realmente preocupante é que canto máis se incrementa a idade, máis aumenta a porcentaxe de alumnos/as que aceptarían drogas.

Sexo

En canto ós talleres de Educación Sexual un dos datos que saíu a relucir é o descoñecemento que existe entorno ás enfermidades de transmisión sexual, no caso do VIH, descoñecían cales son os fluídos transmisores do virus e seguen considerando que os grupos de risco á hora de contraer a enfermidade son os homosexuais, prostitutas e drogadictos. Igualmente unha gran porcentaxe afirmaba que os métodos anticonceptivos hormonais e os de barreira tamén preveñen das ETS e un 77% descoñecía a duración do ciclo menstrual. Sorprendentes son os prexuízos e mitos que seguen mantendo os mozos. Exemplo disto é o 22% dos alumnos que consideraba que se pode coñecer a unha persoa homosexual polo seu aspecto e o 33% que afirmaba que a píldora anticonceptiva provoca infertilidade.

Novas relacionadas

Fonte

Comentarios