Sábado. 20.04.2024
El tiempo

Fran Velo, The Lákazans: “É moi importante que haxa festivais de blues na rúa, abertos a todo o mundo”

Fran Velo, The Lákazans: “É moi importante que haxa festivais de blues na rúa, abertos a todo o mundo”
The Lakazans estaran en Fisterra BLues Experience Falamos con Fran Velo, en primeiro plano, que estará con The Lákazans este venres no Fisterra Blues Experience Esta fin de semana chega a bordo do cruceiro atlántico o Fisterra Blues Experiencie. De venres 15 a domingo 17, o blues invadirá a vila do Cristo, con grandes figuras do panorama internacional, como Corey Harris ou Chris Hammer, actuando en diferentes formatos. Tamén teremos bos representantes da nova era do blues galego, como Carla Green & The Demons, Os Bregadiers ou a residente Fisterra House Band, que ten músicos galegos e madrileños. Pero atención propia merece a presentación do terceiro disco de “The Lákazans”. Os da Barbanza presentan o venres ‘Sandwina’, un traballo máis pausado, reflexivo, que os confirma como unha das bandas máis relevantes do panorama musical galego. Para coñecelos un pouco máis falamos con Fran Velo, vello rockeiro achegado á música de raíces, que despois de dúas décadas unidas aos Heredeiros da Crus, compaxina a súa vida musiqueira como a cara visible destes “lakazáns”. Fran Velo baixista de The Lakazans Falamos con Fran Velo baixista de The Lakazans  
  • QPC: Galegos “senporsen”, pero as raíces da vosa música hai que atopalos, tamén, no outro lado do Atlántico. De onde bebedes?
Está claro que as influencias musicais máis directas son de EEUU, da música tradicional americana, en moitas das súas variedades, pero sobre todo do blues, country e soul. Pero somos de aquí e sempre hai compoñentes nos nosos adns que o impregnan todo, que convirten o que facemos nalgo distinto, e fai que saia unha mestura. Ao mellor chega un erudito de blues e di que non é exactamente blues, ou un erudito de coutry que di que non facemos country, e a verdade é que pode ser que non fagamos nun unha cousa nin a outra.  
  • QPC: Como se xuntan, en Boiro, 7 amantes da música negra aló polo 2012 e deciden formar un grupo?
Pois eran unha serie de estudantes exiliados en Santiago, que comezaban a quedar en casas de amigos e facer cousas pequenas. Fóronse sumando xente, e cando xa estaban todos os “Lakazáns”, eu fun o último en incorporarme. Foi cando se presentaron a un concurso de bandas de Boiro no que eu facía de xurado. Eu xa os coñecía da vila pero non sabía que tocaban e que cantaban tan ben. Eu voteinos dende logo, e acabaron gañando. Nesa época necesitaban baixista, e me ofrecín a tocar con eles e aceptaron a este pobre vello. Pouco a pouco, fumos crecendo de bares pequenos a salas un pouco máis grandes. Aí aportei a miña visión, como teño máis percorrido, no tema comercial. Crimos que había que botar un par de anos tocando en todos os baruchos que podíamos de toda Galicia, e deberíamos levar titulo de banda con máis bolos do país. A historia era sacudir e tocar canto máis mellor, aínda que fóra para 4 gatos, para que empezara a soar o nome de “Lákazans” en todas partes. Empezamos a gravar, e agora estamos nunha etapa xa algo máis do revés. Unha vez que xa empezas a ser algo máis coñecido, empezas a dosificar, menos concertos e máis grandes, porque se non te cansas.  
  • QPC: O teu xa vén de lonxe… Levas máis de 20 anos de ruta cos Heredeiros da Crus, cos que aínda segues facendo bolos, non?
Si, claro. Aínda temos onte ensaio e temos mañá outro. Compaxino as dúas bandas, porque lamentable ou afortunadamente tampouco se toca en ningún dos dous grupos tanto como para que non se poidan compaxinar as axendas. Algunha vez se vai dar o caso, de feito, vai pasar o 22 que estamos en Camariñas, pero para iso os Lákazans temos un baixista de moita calidade, incluso mellor ca min, que me substitúe. Dos concertos dos Heredeiros aos de Lákazans cambian moitas cousas, e tampouco tantas, pero sobre todo o calor do público. Cambia a cousa dunha sala pequena a un concerto ao aire libre, aí cas vallas aló a 50 metros, iso é algo que nos rebenta aos Heredeiros, con nós arriba coma se fosemos santos. Eu xa estaba cansado deso, e cando comezamos a xira cos Lákazans volvín sentir o calor dunha saliña pequena, e lle propuxen aos compañeiros de Heredeiros a xira “Volta aos Jaliñeiros”, que saíu de marabilla. A verdade é que Heredeiros pásao mellor nun pub para 150 persoas que para 3.000. É certo que hai outra enerxía en escenarios grandes, outro subidón, as luces… pero se sae unha noite fría tes que botar o triple de caldeiros para quentar á xente. Se cadra é porque xa somos vellos disfrutamos máis en cousas pequenas. Eu agora disfruto algo máis pequeno que dun macerofestival, estás véndolle os dedos, escoitando do ampli sen máis filtros… E a verdade é que os Lakazans son tamén bastante “viejóvenes”, en canto a gustos musicais e demais. Fran Velo cos Heredeiros da Crus Fran Velo segue coas xiras dos Heredeiros da Crus e estarán o 22 de xuño en Camariñas  
  • QPC: É Sandwina máis reflexivo que os dous primeiros traballos?
Si, é máis elaborado, estamos moi contentos con el. É un paso grande con respecto a “Homeground”. É un disco máis currado, máis íntimo, pero máis contundente e tamén máis escuro, máis ambiental, máis intimista. As composicións maduraron moitísimos. A min encántame, a verdade, e tamén ese toque especial que lle estamos dando á percusión. Así soa “My Darling”, o primeiro videoclip de Sanwina:
 
  • QPC: Levades 6-7 anos en escena xa, sendo unha referencia a día de hoxe xa no panorama do país. Pero é suficiente para vivir da música?
Eu non me queixo dos ingresos da música, pero nin eu vivo, nin ningún dos membros das bandas vivimos exclusivamente da música. É así como está a cousa neste país. Con Heredeiros tes un extra máis potente se tes un bo ano, pero non daría para coidar unha familia. Eu traballo na televisión dende o século pasado, e podo compaxinar, e teño os veráns libres para tocar. Algúns dos meus compañeiros de The Lákazans teñen outros negocios, e si que hai varios que intentan sobrevivir a base da música, pero tocando en 40 grupos. A única xente que vive da música en Galicia tocan nas orquestras.  
  • QPC: Que faría falta?
É complicado, porque ademais estamos sufrindo o proceso inverso. O que fai falta que haia industria, como na pesca. Tería que haber industria musical, como se xerou nos 60-70 en Inglaterra, EEUU, etc, onde si que hai un tecido empresarial que permite que haia lugares onde traballar. Aquí só se traballou o mundo da verbena, e aquí non hai salas de concertos, que ademais aínda están pechando as poucas que hai, poñendo máis e máis trabas. Ti vas a Dublín e hai ducias de bares con música en directo. Aquí cada vez hai menos, e os poucos que hai teñen problemas continuos coas administracións. Habería que favorecela, potenciala música, cun bo Circuito onde tocar, e a xente se acostumbre a ir ver música en directo. Pero romper ese círculo é complicado. Tívose que ser creado nese momento do boom.  
  • QPC: Achegándonos á fin da terra. Non sae o blues nas radios convencionais nin copa portadas de xornais ou programas de televisión. Que importancia teñen estes festivais como o Fisterra Blues Experience?
Son importantísimos porque a maior parte das veces, que en Galicia si hai bastante blues, e hai salas que todas as semanas hai concertos de blues, fai en lugares pechados. Se levas o heavy a salas ou bares, a buratos pechados, mantense nun evento endogámico, onde vai a xente que xa lle gusta. A importancia destes festivais é que son ao aire libre, para todo o mundo e ademais neste caso de balde. E iso tíñase que ter feito dende hai moitos anos, ofrecendo outras alternativas culturais e de ocio á xente, que a verbena de sempre. A forma de que a xente nova se achegue a esta música é facelo así, en sitios ao aire libre, en praciñas… e demais. O que nos pasa a The Lákazans, que de contado cando tocamos na rúa vemos nenos bailando á tope coa nosa música, ou os vellos que disfrutan moito ca harmónica, por exemplo.  
  • QPC: Que esperas ver este ano? Que é o que máis que sorprende deste singular festival?
Sorpréndeme todo en xeral, e nada. Eu a verdade é que debo ser son o menos bluesman de todos que toquen en Fisterra, o que menos controla. Estanme educando na materia os meus compañeiros Lakazáns. Pero sei que quen organiza, a xente da Bakin´Blues Band non é nada tonta, e controla un “huevo” e espero atoparme unha sorpresa grata. Iso si, o que máis que gustaría atoparme sería unha marea de xente, e un bo tempo.  

Novas relacionadas

https://quepasanacosta.gal/fisterra-blues-experience/ https://quepasanacosta.gal/fisterra-subiuse-a-bordo-do-blues/

Máis información

Novas relacionadas

Fonte

Comentarios