Sábado. 30.03.2024
El tiempo

Relatos da Fundación: Amor pola familia

Relatos da Fundación: Amor pola familia

Comezamos hoxe coa publicación das 6 obras gañadoras do I Concurso de Relatos da Fundación Fernando Blanco. Un Concurso que recolle o sentir dos pequenos sobre a emigración, e que conta coa colaboración de Ferroaltántica e Bazarra, e que recibiu un total de 229 relatos enviados dende centros escolares dos concellos de Carnota, Camariñas, Cee, Corcubión, Dumbría, Fisterra, Mazaricos, Muxía, Vimianzo e Zas.

O primeiro relato que traemos recibiu o 3º premio da categoría A (2º e 3º de Primaria). O seu autor é Adrián Canosa Pérez, do CEIP Ponte do Porto. O título xa explica de que vai o relato.

"Amor pola familia", por Adrián Canosa

Adrián Canosa recibiu o terceiro premio da Categoría A do I Concurso de Relatos da Fundación Fernando Blanco

Laura é unha señora que naceu en Suiza. Os seus pais tiveron que emigrar a ese pequeño e bonito país onde naceu ela e foi bautizada alí.

Cando tiña cinco meses, a súa avoa materna foina buscar e tróuxoa para España, onde estaba a súa irmá de apenas dous anos. As dúas irmáns criáronse coa súa avoa e coa súa tía María.

Cando Laura tiña catro anos, a avoa púxose moi enferma, e os pais tiveron que retornar a España.

Parecía que a mala sorte os acompañaba: a avoa moi maliña na cama, o pai de Laura tivo un accidente no traballo e case queda sin unha man, e a mesma Laura, tamén enfermou. Tiña unha enfermidade rara e estivo un mes no hospital. Ela saiu ben, o seu pai, máis ou menos, pero a súa avoíña faleceu, o que a deixou moi triste.

Os seus pais non volveron emigrar, e as dúas nenas quedaron co seu pai e coa súa tía.

Laura sempre dicía que tiña ganas de ir ó país onde nacera e, se non ía antes, cando cumprise a maioría de idade, voltaría para alá.

Cando tiña dezaseis anos coñeceu a un mozo que tamén emigrara a Suiza, pero estab noutro concello, non onde ela nacera.

Con dezaoito anos casaron, e entón tamén ela tivo que emigrar.

Marchou moi ilusionada por saber como era Suiza, quería coñecer onde ela nacera, pero cando marchou díxolle á súa familia “non choredes que vou volver pronto”.

Fóronse nun taxi, levou moitas cousas con ela, e o primeiro que viu ó chegar a Suiza foi a neve.

Vivía nun apartamento moi pequeniño cun só cuarto, unha cociña pequeniña, e un baño. Non tiña teléfono para falar coa súa familia, e tiña que recurrir ós teléfonos públicos.

Ó pouco tempo de estar alí fórona buscar para ir a traballar. Dende que empezou a traballar, o primeiro que fixo foi poñer un teléfono no seu apartamento.Os seus padriños estaban no concello onde ela nacera. Foinos visitar e coñecer o pobo, o hospital e a casiña onde ela nacera e se criara os primeiros cinco meses de vida. A casiña xa non era unha vivenda, era un estudio de fotos, pero a ela facíalle todo moita ilusión porque todo era novo para ela.

Laura atopou axiña traballo, pero o problema foi, que como levaba pouco tempo naquel traballo, non podía ir de vacacións no verán. Foi aí cando lle empezou a entrar a morriña pola súa familia.

Alí había moitas árbores, e chegado o outono empezaron a caerlle as follas. O seu home dicíalle que cando caesen todas as follas das árbores, entón chegaría o momento das vacacións. Laura non facía máis que ollar para as árbores. Chegou decembro e as árbores xa non tiñan follas.

Laura empezou a preparar as cousas para ir a ver a súa familia.

Visitounos a todos: pais, tíos, primos e veciños, contándolles como lle fora por Suiza.

Todos lle preguntaban se lle gustaba estar alí e se se acostumaba a aquel país. Laura contáballes como lle fora nos primeiros meses. Contáballes que cando ía ó supermercado sinalaba as cousas cos dedos, a pesares de que os supermercados eran bastante grandes e moitas cousas non era necesario pedilas, pero a carne e algunha cousa máis non lle quedaba outra que sinalar cos dedos a cousa que quería e a cantidade. Dicía que nunca pedía medio kilo porque tiña medo a que non a entenderan.

Contou tamén, que as poucas semanas de estar en Suiza, unha señora foina buscar para ir traballar. O seu primeiro traballo foi limpar unha escola, pero tocoulle cunha señoras italianas que a ela “soáballe a chino” o que elas falaban. Dixo que estaban no primeiro andar, e que lle sinalaron coa man para abaixo e que troxera unha “spuña”. Ela foi abaixo, onde estaba todo o material, buscou e buscou, e o que máis se lle parecía a unha “spuña” era unha esponxa. Colleuna e levoulla á señora italiana. A señora deulle as grazas, Laura, toda contenta, pensaba para ela: “menos mal, xa estou empezando a entender o italiano”.

Contou tamén que xa non estaba nese traballo, que agora estaba a traballar nun asilo de anciáns, e que alí xa había máis españois traballando, casualmente galegos coma ela. Xa lle era máis facil entenderse con eles, pero tamén tiña que ir aprendendo o alemán, porque alí os anciáns e as enfermeiras falaban nese idioma.

Foi moi fermoso ver a toda a familia pasalo Nadal cos seus pais, pero estaba chegando o peor, facer as maletas para volver a marchar. Así, ano tras ano, pero cada vez era máis duro marchar para Suiza, deixando todo o que quería atrás. En Suiza Laura estaba moi ben, traballaban os dous e non lles faltaba de nada, pero a morriña era cada vez máis grande.

Cando xa levaban tres anos alí, naceu o seu primeiro fillo. Tiveron que buscar un apartamento máis grande, porque non lles permitían seguir vivindo no mesmo tendo un fillo.

Costoulles bastantes atopar un apartamento máis grande, pero por fín atoparon un con dous cuartos que era o que lle esixían.

Tivo que buscar unha gardería para buscar ó seu rapaciño mentras ela ía traballar. Pasábao moi mal cada mañán cando tiña que deixar o neno na gardería.

Cando saía de traballar ía correndo a recoller ó seu fillo. Se facía bo tempo, ía con él ó parque a xogar con outros nenos, e así tamén estaba un pouco a falar con outras nais. Era unha maneira de coñecer xente e facer amizades.

A gardería onde ía o neno era unha gardería española, onde traballaban monxas españolas, máis cando o nenos cumpriu os catro anos, tivo que cambialo para unha gardería suiza, porque o neno tiña que empezar a escola e precisaba aprender alemán. O neno era moi listo e aprendiu deseguida o idioma.

As fins de semana do verán levaba o neno á piscina xa que lle gustaba moito xogar na auga, máis non sabía nadar.

Cando o neno empezou a escola primaria era o persoal da escola quen o levaba e o ía buscar.

Laura contaba que lle gustaba moito a educación que había alí nas escolas, os nenos sempre estaban calados na clase. O mestre esperábaos na porta da clase e eles, cando entraban, dábanlle os bos día ó mestre de un en un.

Facía manualidades. Os nenso facían cousa de “nenas”, e as nenas de “nenos”. Os nenos cosían, ganchillaban, calcetaban ….; as nenas facían carpintería, circuitos, etc. Tamén levaban ós nenos á piscina, a esquiar, a coñecer os traballos nas granxas. Dábanlles todo o material na escola: libretas, libros, lápices … Cano un lapis era moi pequeniño, dábanllo ó mestre, e éste dáballes outro novo.

O neno de Laura, a pesar de ser estranxeiro, destacaba moito na escola: escribía, falaba e lía moi ben o alemán. No segundo ano da escola o nenos tamén empezou a facer escola española.Ó igual que a súa nai, ó neno tamén lle entraba morriña polos seus avós e a súa tía. Cada vez que ían a España era un sufrimento ter que marchar. O neno pasábao moi mal.

Os anos pasaban, e Laura cada vez tiña máis ganas de retornar para a súa España querida.

Tivo un segundo fillo e entón si que se lle empezaron a poñer as ideas claras. Cando tiña decidido volver, o seu fillo pequeño enfermou, e tivo que estar no hospital, e logo seguir facendo controles médicos, de tal modo que tiveron que retrasar o seu retorno dous anos.

Por fín poideron retornar, máis o seu fillo máis vello sufría moito porque tiña moitos amigos en Suiza, na escola, no fútbol …; era moi difícil para o rapaz.

Unha vez en España, o neno empezou a escola, pero custoulle moito adaptarse, dicía que os nenos berraban moito, que non sabían falar baixiño, e que eran moi brutos, ata chegar a ameazalo porque era moi calado e destacaba moito na escola.

Foise integrando pouco a pouco grazas a axuda dos mestres, e logo tamén empezou a xogar ó fútbol nun equipo, e iso fíxoo moi feliz.

Laura ten ós seus fillos na escola, o máis grande xa está na universidade, ela está traballando, e, máis ou menos, están ben.

Ela agora sempre conta que a vida de emigrante en Suizaé moi escrava, pero que se vive ben.

As veces pensa que se non tivese ós seus pais, ó mellor nunca volvería para España. Bota moito de menos a educación, e sobre todo a sanidade. Só espera que os seus fillos poidan ter un bo estudio, aínda que o máis probable sexa que eles tamén teñan que emigrar, pero sendo rapaces “estudados” todo será diferente.

  • Adrián Canosa Pérez (CEIP Ponte do Porto). Artigo que recibía o 3º premio da Categoría A do I Concurso de Relatos da Fundación Fernando Blanco.

Novas relacionadas

Máis información

Fonte

Comentarios