Venres. 29.03.2024
El tiempo

A Deputación avala a "humanización" das rúas de Carballo

A Deputación avala a "humanización" das rúas de Carballo
presidente-deputación-carballo O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, comprobou onte as obras realizadas nas rúas Desiderio Varela e Ponte A reurbanización das rúas Desiderio Varela e Ponte de Carballo supuxeron un investimento de máis  de 365.000 euros para a Deputación da Coruña, a través do Plan de Aforro e Investimento (PAI). Así o presidente do ente provincial - Valentín González Formoso - visitou a zona acompañado do alcalde de Carballo - Evencio Ferrro -; o deputado provincial Xosé Regueira, e membros da corporación local carballesa.“O principal obxectivo destas actuacións foi humanizar estas rúas, facéndoas máis seguras para os peóns, e eliminando os bordos e as diferenzas de alturas para garantir a accesibilidade universal”, segundo explicou o presidente da Deputación. Trátase de dúas das vías principais e máis transitadas da vila, xa que na súa contorna se atopan zonas de moita actividade coma o mercado e os xardíns municipais, a casa do Concello e numerosos comercios e servizos. En ambas as dúas rúas optouse por construír unha plataforma única, facéndoas semipeonís e uniformando o seu aspecto coas demais rúas peonís xa construídas no casco urbano. “Trátase dun modelo moi estendido en Europa que fai que mellore a calidade de vida dos veciños”, afirmou González Formoso. No caso da rúa Desiderio Varela, deixouse unha zona peonil de 2,50 metros, un carril de circulación de 3,8 metros de ancho e unha área de protección de 2,85 metros, na parte que conecta co xardín. Para favorecer o acceso ao mercado, tamén se realizaron obras similares na intersección coa rúa Gran Vía, que incluíron a execución dun paso de peóns elevado e dun punto de recollida de residuos sólidos soterrados, que mellora a imaxe e a salubridade do entorno. O proxecto para a rúa Ponte incluíu a demolición da esquina da antiga fábrica de Conservas Calvo. Este espazo utilizouse para construír unha rotonda, organizando así o tráfico neste complicado cruce que da acceso as rúas Luís Calvo, Perú e Poñente. Para humanizar a rúa, tamén se plantaron varias árbores de tipo aligustre, arce xaponés e acebo, e se dispuxeron varias zonas de aparcamento. Así mesmo, melloráronse os pavimentos e as condicións de accesibilidade dos cruces desta rúa coa Praza de Galicia e as rúas Victoria, Cinceiro e Lugo, dotando a toda a zona dos mesmos acabados superficiais. Tanto na rúa Desiderio Varela como na rúa Ponte aproveitáronse os traballos para renovar tamén numerosos servizos urbanísticos, coma o abastecemento de auga, o saneamento de fecais e pluviais, o sistema de rego e as redes de enerxía eléctrica, gas, telefonía ou cable. Travesía de Sísamo Valentín González Formoso e Evencio Ferrero visitaron tamén as obras, xa rematadas, da primeira fase da travesía de Sísamo, nas que a Deputación investiu 418.420 euros, que se empregaron para dotar de nova pavimentación, infraestruturas, mobiliario urbano e servizos aos primeiros 300 metros da DP- 1901 (avenida das Flores). As obras tiveron en conta a accesibilidade e a supresión de barreiras  arquitectónicas, apostando por unha mobilidade urbana segura e sostible. O alumeado, con columnas de 8 metros de altura é de luminarias LED, que melloran a eficiencia enerxética e a calidade lumínica. O concello con máis fondos do plan Único Carballo, que no bienio 2017-2018 percibirá máis de 4,5 millóns de euros a través do Plan Único (2.459.474 en 2017 e 2.082.701 en 2018), é o concello que máis fondos percibe na provincia da Coruña en termos absolutos, segundo subliñou o deputado responsable da área de Plans, Xosé Regueira. Formoso lembrou que a distribución de fondos do Plan realízase en base a criterios obxectivos (poboación, superficie, número de parroquias ou esforzo fiscal) que dende hai máis de dúas décadas veñen sendo empregados para o POS e que xeran un elevado consenso entre os alcaldes, independentemente de cores políticas. Pero o aspecto máis destacado é, segundo subliñou o presidente provincial, a autonomía local que o Plan Único ofrece aos concellos, xa que permite que sexan estes os que decidan e prioricen os investimentos en función das súas necesidades.

Novas relacionadas

Fonte

Comentarios