A Valedora do Pobo destaca o escaso número de queixas que recibe da veciñanza de Carballo
07:10 27/01/17
O concello de Carballo agasallou á Valedora do Pobo, Milagros Otero, cun carballo de Sargadelos
Onte foi un día de intensidade para a Valedora do Pobo - Milagros Otero Parga - que pasou a maior parte do día en Carballo. Ao mediodía foi recibida polo alcalde - Evencio Ferrero - con quen comentou o escaso número de queixas que recibe dos veciños e veciñas. “Neste momento só hai unha aberta, relacionada con un tema de ruídos, que, por outra banda, é un problema xeral de Galicia xunto co urbanismo e o medio ambiente”, manifestou.
No encontro, que se desenvolveu nun tono moi cordial, a Valedora do Pobo estivo acompañada polo secretario xeral da institución - Fernando de Andrés - de raíces carballesas, e pola responsable de comunicación e transparencia- Isabel Alvite -. Por parte do concello de Carballo tamén se sumou ao encontro a técnica responsable das relacións coa Valedora do Pobo - Susana Mariño - xa que un dos obxectivos destas visitas que Milagros Otero está a realizar por toda Galicia “para ter unha visión o máis ampla posible” da realidade do territorio, e nese sentido o contacto directo é unha ferramenta fundamental para evitar moitas veces a lentitude burocrática.
Encontro coa cidadanía
Logo incorporáronse á xuntanza varios membros do goberno municipal, cos que continuou a conversa en todo distendido antes da comparecencia de Milagros Otero ante os medios de comunicación locais. A Valedora destacou que máis do 90 % das recomendacións que fai “son aceptadas” e acatadas, un dato que cualificou como moi importante. Así mesmo, aludiu á política de contacto directo coa cidadanía iniciada dende o seu acceso ao cargo, xa que permite dar a coñecer a institución e recoller queixas. Con esa intención, Milagros Otero participou pola tarde nun encontro coa cidadanía no Fórum Carballo.
O alcalde, pola súa banda, agradeceu a visita, ofreceuse a “tender pontes” e a seguir velando pola “necesaria lealdade institucional” como unha das máximas do seu goberno. “Esta visita contribuirá a axilizar os expedientes, porque o que pide a cidadanía é, precisamente, que se defendan as súas queixas con prontitude”, manifestou Evencio Ferrero.
A Valedora do Pobo agasallou ao alcalde de Carballo cun gravado, e este correspondeulle co carballo de Sargadelos. Milagros Otero asinou, así mesmo, no Libro de Honra.
Novas relacionadas
Fonte
- Redacción QPC ([email protected])
- Concello de Carballo