Domingo. 26.05.2019
El tiempo

Alfredo Brañas recibe un recoñecemento conxunto dos concellos de Carballo e Santiago

Coincidindo co seu 119º cabodano, os alcaldes de Carballo e Santiago fixéronlle unha ofrenda floral no Panteón de Galegos Ilustres, en Santiago de Compostela

Os alcaldes e a presidenta do Padroado, cos sobriños-netos de Brañas
Os alcaldes e a presidenta do Padroado, cos sobriños-netos de Brañas
Alfredo Brañas recibe un recoñecemento conxunto dos concellos de Carballo e Santiago

Coincidindo co seu 119º cabodano, Alfredo Brañas recibiu este mércores no Panteón dos Galegos Ilustres, o recoñecemento dos dous concellos que marcaron o principio e o fin da súa traxectoria vital: Carballo, onde naceu, e Santiago, onde morreu.

Os dous alcaldes, o carballés Evencio Ferrero e o compostelán Martiño Noriega, acompañados pola presidenta do Padroado Alfredo Brañas, Adriana Hurtado de Mendoza, participaron nunha ofrenda floral á que se sumaron boa parte dos membros do padroado, veciñanza do noso concello entre a que se atopaba a directora do IES Alfredo Brañas e tres sobriños-netos do autor de El Regionalismo. Unha coroa de loureiro e a interpretación colectiva do Himno Galego a son da gaita simbolizaron o respecto, a lembranza e o recoñecemento dos dous pobos a unha das figuras claves da historia política, literaria e xornalística de Galicia.

Evencio Ferrero destacou o “traballo de descubrimento e desmitificación” sobre a figura de Alfredo Brañas que se está a realizar. “Foi uhna persoa que ten escrito, teorizado e organizado o movemento rexionalista, ao que tanto lle ten aportado; que foi recoñecido, fóra das nosas latitudes, en Cataluña, onde os precursores do nacionalismo catalán tamén beberon das fontes de Brañas para teorizar sobre o seu corpus e o seu ideario político. Brañas, a pesares de morrer moi novo, deixou un corpo teórico que merece a reflexión nun país que precisa referentes identificables con esta patria”.

Así mesmo, o alcalde de Carballo lembrou que Alfredo Brañas é unha das figuras destacadas no discurso Alba de Gloria de Castelao, “que pasa por ser o máis importante feito nunca en lingua galega”, que foi o primeiro en utilizar o idioma galego na Universidade Compostelá e nuns xogos florais, “e iso forma parte da propia identidade. Eu non sei se o xene carballés tivo que ver con iso, pero si que nós, como carballeses, sentímonos tremendamente orgullosos de que o noso Fillo Predilecto lle legara tanto a este país, ao país que queremos e ao país polo que decidimos, tamén, pelexar”.

“Para nós era inevitable estar aquí –manifestou Martiño Noriega- porque, como ben dixo Evencio, a figura de don Alfredo é unha figura que transcende, unha figura precursora, cunha lectura propia e identitaria do país, dunha dimensión intelectual innegociable e que se ten apropiada por alguén ten que ser apropiada polo conxunto do pobo galego na construción da súa memoria”. O alcalde de Santiago asegurou que a presenza de Alfredo Brañas “é un continuo o en Santiago”, dende o rueiro ata a corporación municipal, da que formou parte, e onde deixou “unha pegada importante”.

Martiño Noriega agradeceu o convite do Padroado Alfredo Brañas e amosouse “encantado” de compartir acto tamén con Evencio Ferrero, “persoa á cal coñezo e admiro dende hai moitos anos pola calidade humana e tamén polo seu compromiso co conxunto do país”.

Xa ao remate do acto, como é tradición na familia, os tres sobriños-netos de Brañas depositaron cadansúa rosa vermella nas tumbas do seu tío-avó e de Rosalía de Castro.

Comentarios