Venres. 27.11.2020
El tiempo

O BNG pide que “non se criminalice ao sector da hostalería polas condutas illadas duns poucos”

Xuntanza do BNG cos hostaleiros de Carballo
Xuntanza do BNG cos hostaleiros de Carballo
O BNG pide que “non se criminalice ao sector da hostalería polas condutas illadas duns poucos”

Espera hoxe a comarca de Bergantiños ese anuncio da Xunta sobre o seu peche, ou non, perimetral. Un peche que afectaría moi directamente ao sector hostaleiro. E precisamente foi a xunta directiva da Asociación de Hostalaría de Carballo a que quixo manter unha reunión co grupo de goberno para coñecer as medidas que se están tomando dende o BNG.

O alcalde deu conta desa xuntanza telemática dos alcaldes das comarcas de Bergantiños e Soneira, co conselleiro de Sanidade, na que por fin lles ofreceron datos concretos da incidencia do covid e na que lles avanzaron as “máis que posibles” medidas restritivas que o Comité Clínico pode anunciar hoxe.

Sobre isto, vicepresidente da Deputación, Xosé Regueira, pediu “que non se criminalice ao sector” polas condutas illadas duns poucos e amosou a súa “esperanza de que non se peche por completo a hostalaría, fundamentalmente porque non hai datos que o xustifiquen”.

Medidas

Daniel Pérez López no Parlamento Galego
Daniel Pérez no Parlamento Galego

O BNG deu conta e debullou como van os programas Sempre Carballo e PEL Reactiva, este coa Deputación. Pero ademais informaron de estar traballando nunha nova liña de axudas ao sector de cara ao 2021: “bonificación trimestral no recibo do lixo” ata un 50% do total, que xa se aprobará no pleno ordinario deste mes e que beneficiará á hostalaría e as axencias de viaxes; “exención do pago da taxa de terrazas para todo o ano que vén” e pago diferido “para todo tipo de taxas e impostos municipais”, que xa se pode solicitar no servizo de recadación.

O BNG aproveitou para criticar “a falta de apoio” por parte da Xunta de Galicia. “A Xunta vai investir o mesmo que a Comunidade de Murcia, que ten a metade de orzamento que Galiza”, e lamentou que “das anteriores ningún hostaleiro de Carballo viu nin un euro”, asegurou. “Hai que pedir un rescate, con todas as letras, porque a hostalaría nocturna, por exemplo, está abocada á miseria absoluta”.

Ademais Regueira criticou as trabas administrativas para que os concellos poidan articular medidas de apoio aos sectores económicos.

Asi mesmo, contaron a intervención que tivo o parlamentario carballés Daniel Pérez no Parlamento Galego. “O BNG non se cuestiona ningunha medida sanitaria, pero cremos que chegou o momento de poñer sobre a mesa as necesidades dos diferentes sectores económicos e sociais”. Pediu que os “Orzamentos da Xunta do ano 2021 inclúan unha partida suficientemente dotada para poder utilizala de maneira inmediata para paliar as consecuencias dos posibles peches de actividades que poidan producirse”.
A maiores, o BNG propón a adopción de medidas como o aprazamento dos pagos de IRPF, IVE e Imposto de Sociedades, un IVE reducido do 4% para hostalaría e turismo, a exención do pago de cotas da Seguridade Social ou campañas de promoción, entre outras, que deben adoptarse dun xeito coordinado entre as administracións central e autonómica.

Novas relacionadas

Entrevista

Máis novas do COVID

comentarios