Venres. 19.04.2024
El tiempo

Carballo selecciona o alumnado para un obradoiro de carpintería

Carballo selecciona o alumnado para un obradoiro de carpintería
aspaber-obradoiro-madeira O curso está dirixido a mozos e mozas inscritos no Sistema de Garantía Xuvenil. Imaxe: Aspaber O vindeiro mes de setembro comezará en Carballo o obradoiro de emprego da especialidade de carpintería concedido pola consellería de Economía, Emprego e Industria ao concello de Carballo, e que está dirixido a mozos e mozas inscritos/as no sistema de Garantía Xuvenil. O proceso de selección xa está en marcha, e todos os trámites lévanse a cabo na Oficina de Emprego da Xunta, situada na planta baixa do Fórum Carballo. O curso será de nivel 1, polo que os/as participantes, ademais de estar inscritos/as no Sistema de Garantía Xuvenil, só precisan estudos primarios. Neste sentido, as persoas que cumpran os requisitos e que estean interesadas en participar deben pasar pola Oficina de Emprego. Terán prioridade aquelas que non recibiran atención anteriormente no programa de Garantía Xuvenil. Requisitos O obradoiro vai dirixido a mozos e mozas menores de 30 anos, que recibirán seis meses de formación durante os cales estarán dados de alta na Seguridade Social e cobrarán o salario mínimo interprofesional. A inscrición no Sistema de Garantía Xuvenil é imprescindible, polo que as persoas interesadas deben realizala de xeito inmediato para poder participar no proceso de selección dos/as 15 alumnos/as que participarán no curso. O de Carballo será un dos 8 obradoiros xuvenís que se impartirán este ano na provincia da Coruña, e o único da comarca. A maiores, a partir de setembro desenvolveranse outras catro accesións formativas para desempregados/as financiadas pola Xunta: Programación de sistemas informáticos (608 horas) Servizo de bar e cafetería (658 horas), Soldadura con electrodo revestido e TIG (698 horas) e Montaxe e mantemento de instalacións eléctricas en baixa tensión (938 horas). Terán preferencia para participar nos cursos as mulleres, especialmente as vítimas de violencia de xénero; persoas desempregadas de longa duración, menores de 30 anos que ademais teñan algunha discapacidade ou estean en risco de exclusión social e persoas con baixa cualificación. No caso de que quedasen prazas baleiras poderían admitirse ata un 25% de persoas ocupadas, que deberán realizar a solicitude pertinente. Novas relacionadas Fonte

Comentarios