Sábado. 20.04.2024
El tiempo

Carballo terá no 2018 un dos orzamentos máis altos da súa historia: 26.754.882,34 euros

Carballo terá no 2018 un dos orzamentos máis altos da súa historia: 26.754.882,34 euros
carballo-orzamentos-2018 Belén Lendoiro e Evencio Ferrero presentaron os orzamentos cun incremento do 5,05% con respecto aos do 2017 A corporación municipal de Carballo aprobará no pleno ordinario deste mes un dos orzamentos máis altos da historia do concello de Carballo: 26.754.882,34 euros. O incremento con respecto ao deste ano é do 5,05%, ou, o que é o mesmo, de 1.285.530,32 euros. Este incremento procede, en boa parte, dos efectos da regularización catastral impulsada polo Ministerio de Facenda, que sacou á luz numerosas edificacións polas que non se tributaba. Este ano, como as persoas afectadas teñen que pagar os atrasos esixidos polo Estado, a cifra é máis elevada e sitúase arredor do millón e medio de euros, pero eses “novos” bens inmobles consolidan para os vindeiros anos uns ingresos aproximados de 420.000 euros, malia que o concello de Carballo aplica o tipo impositivo máis baixo que permite a lei. Segundo indican dende o goberno municipal, para o vindeiro ano non se tocará ningún imposto e os cambios serán mínimos nas taxas: baixada da auga grazas á modificación da ordenanza fiscal do ciclo integral e soben moi lixeiramente as do Conservatorio Profesional de Música. Estamos, en palabras da concelleira de Facenda, Belén Lendoiro, ante un documento que reflicte a estabilidade económica, a capacidade inversora e o compromiso social do Concello de Carballo. “Os números -sinalou - amosan e consolidan a boa situación económica. É un orzamento inversor porque se aposta polo investimento, e desde logo é social porque trata de garantir o benestar e a calidade de vida dos veciños e veciñas. De feito, non só se incrementa o gasto en servizos sociais, senón que tamén se garante o acceso de toda a poboación á cultura, ao deporte e ao resto dos servizos”. Prioridades Precisamente, unha das prioridades do goberno municipal é a mellora da calidade deses servizos, “sempre pensando na cidadanía”, e nese sentido o ano que vén destínanse aos servizos públicos básicos 13,6 millóns de euros. Increméntase o gasto en cultura, deporte, servizos sociais, educación e sanidade, áreas que, indicou Belén Lendoiro, son “os piares da política  municipal e ás que dedicamos 7,6 millóns de euros”. Así mesmo, destacou “o compromiso coas entidades sociais”, que se reflicte nun incremento de 906.000 euros na contía das subvencións, e coa formación, o emprego e a dinamización económica, para os que están consignados 1.162.476,54 euros. “Son, en definitiva, números que consolidan a idea de facer de Carballo un bo lugar para vivir”, rematou a concelleira de Facenda. O alcalde, Evencio Ferrero, que a acompañou na presentación dos orzamentos, destacou que o capítulo 6 de gastos, é dicir, o de investimentos reais, “é o que máis medra con diferencia”, e acada os 6.265.115,53 euros. “Esta cantidade permitiranos - engadiu - seguir acometendo obras que son importantes e, algunhas delas, consecuencia do proceso de participación que se puxo en marcha hai xusto un ano cos consellos parroquiais. Deste xeito, e aínda que non se trata dun orzamento dos denominados participativos, si que incorpora prioridades marcadas nos consellos parroquiais. “Estamos moi contentos de incluír moitas”, asegurou. O 63,07% do capítulo 6, de feito, “é investimento dirixido ao medio rural”: aglomerado de vías estruturantes, accesos a vivendas, mantemento da rede viaria, reposición de puntos de luz, locais sociais e, entre outras, novas infraestruturas de auga e saneamento entre as que sobresae o abastecemento ás parroquias de Razo e Oza. Este proxecto, cun orzamento de 1.699.912,70 euros, convértese no máis importante da historia realizado polo concello de Carballo sen axuda de ningunha outra administración. En canto ao casco urbano, as principais actuacións previstas son as reurbanizacións das rúas Barcelona e Concepción Arenal, un plan de parques e xardíns, a rehabilitación do Museo de Bergantiños ou a pista polideportiva do IES Parga Pondal. A maiores hai outros investimentos, como un novo camión motobomba, que repercutirán en todo o territorio. Pero, en definitiva, “reflíctese o compromiso inversor, seguimos mellorando os servizos e creando tamén outros novos”, concretou o alcalde.

Novas relacionadas

Fonte

Comentarios