Martes. 23.04.2024
El tiempo

Comezou o arranxo do escenario do Pazo da Cultura en Carballo

Comezou o arranxo do escenario do Pazo da Cultura en Carballo
Estes días non hai escenario no auditorio do Pazo da Cultura, pero esta situación non durará máis de seis semanas. Ese é o prazo máximo establecido para a substitución do entaboado que resultou seriamente danado a raíz das inundacións de marzo do 2016, cuxas consecuencias eran cada vez máis visibles. De feito, os traballos que está a desenvolver a empresa Groma Obras SL, por un importe próximo aos 30.000 euros, son basicamente de carpintería, aínda que hai tamén unha pequena parte de electricidade. Obras no escenario do Pazo da Cultura en Carballo Como o obxectivo da actuación é reparar os danos que causou a auga, as obras obrigan a retirar un total de 123 butacas das primeiras filas, así como a tarima de madeira que cubría o escenario, a situada diante das cinco primeiras filas de butacas, a de toda a escaleira central e tamén as portas laterais que comunican cos camerinos. Despois comezará a reposición, para a cal utilizaranse madeiras de pino de Oregón, cedro e taboleiro mariño, tratando de manter a estética do auditorio. O único que mudará será a cor do escenario e do acceso ao mesmo, que se vernizarán en negro, evitando deste xeito ter que mantelo cuberto case permanentemente cunha lona desa cor. O auditorio do Pazo da Cultura estreará escenario para festexar a súa recente adhesión (hai menos dun mes) á Rede Española de Teatros, Auditorios, Circuítos e Festivais de titularidade pública, na que tamén vén de integrarse o FIOT. O novo entaboado estará listo nun prazo máximo de seis semanas e custará case 30.000 euros

Comentarios