Martes. 23.04.2024
El tiempo

Critican a falta de estabilidade laboral no Concello de Carballo

ofertaEmpleoPublico-GA
Critican a falta de estabilidade laboral no Concello de Carballo

O pasado mes de marzo pedían unha “ambiciosa” Oferta de Emprego Público para o 2020 no Concello de Carballo. Esta semana, o grupo sindical de Alternativa lamenta a ocasión perdida e critica “a (non) aposta do Concello de Carballo pola estabilidade laboral”.

O sindicato critica que nas redes sociais “trate dar unha imaxe distorsionada” sobre os procesos de contratación, asegurando que “se fan referencia ao seguemento de tres convocatorias de contratación, das que unha delas é a repetición dun proceso selectivo que quedou sen concluír hai catro meses (o concurso para unha praza de Policía Local), e outra é a publicación no taboleiro dunha acta dun proceso selectivo concluído hai máis de tres meses”.

De feito, o cadro de persoal do Concello de Carballo, publicado hai uns meses no Boletín Oficial da Provincia, “sinala como prazas vacantes máis dunha ducia de postos de traballo na área dos servizos sociais, postos de traballo que están a ser desenvoltos por distintas persoas xa na actualidade e dende hai moito tempo, mais na súa maioría sen carácter de estabilidade”. Pois ben, dende o sindicato denuncian que “ningunha de todas esas prazas vacantes aparece na proposta que fai o goberno municipal para a OEP 2020, que xa foi trasladada ás organizacións sindicais”. Así mesmo, hai “prazas de normalización lingüística, orientación laboral ou inspección de obras, que nunca foron convocadas”.

A importancia da OEP

Para o sindicato, “a aposta, ou non, das administracións pola estabilidade do persoal demóstrase coa execución da Oferta de Emprego Público (OEP), que se aproban, case cada ano, para cubrir prazas vacantes no seu cadro de persoal que queren cubrir de forma definitiva (ben con persoal laboral fixo ou funcionariado de carreira), e que debe facerse dentro dos tres anos seguintes”.
Alternativa asegura que as OEP 2017 e a OEP 2019 están sen executar en máis dun 90%, a do 2017 a punto de caducar o prazo límite para a súa execución. “A inmensa maioría das prazas estruturais acordadas polo goberno municipal están, literalmente, desaparecidas, pois nin se convocaron os procesos nin, semella, hai previsión ao respecto”.

Sentenzas xudiciais

Aproveita o sindicato Alternativa para lembrar que o Xulgado da Corula vén de determinadas comisións de servizo tras unha demanda da CIG. “O xulgado afea, unha vez máis, esta práctica das comisións de servizos como forma de cobertura de prazas, pecado no que o goberno municipal incide unha e outra vez a pesar das críticas ao respecto”.

Por todo isto, a Alternativa ten demandado “a aposta por unha OEP 2020 integral, na que se inclúan todas as prazas que actualmente están vacantes no cadro de persoal”.

Novas relacionadas

Comentarios