Venres. 29.03.2024
El tiempo

Evencio Ferrero: "Agradecemos a altísima valoración que a xente de Carballo fai do noso traballo"

Na recta final da campaña para as eleccións municipais do próximo domingo, falamos con Evencio Ferrero, actual alcalde de Carballo, que repite, logo de 16 anos no poder, como cabeza de lista do BNG Carballo.

57155223_2291842880853813_8778844880223862784_n
Evencio Ferrero, actual alcalde de Carballo e candidato polo BNG Carballo
Evencio Ferrero: "Agradecemos a altísima valoración que a xente de Carballo fai do noso traballo"
  • QPC: Como valora estes catro anos?

Non me gusta facer valoracións do traballo propio, serán os veciños e veciñas de Carballo quen terán que facer esa avaliación pero estamos altamente satisfeitos do traballo desenvolvido porque demostramos que somos un goberno para as persoas, sensible cos problemas e comprometido coas solucións. Grazas ao apoio que recibimos fomos quen de avanzar no Carballo que queremos para que se converta nun bo lugar para vivir.

  • QPC: Como foi o de gobernar en maioría?

É verdade que por vez primeira gobernamos con esa maioría. Nos mandatos anteriores fomos quen de chegar a acordos con outras forzas políticas para gañar estabilidade. Esta maioría permitiunos centrar nas solucións ás demandas porque o noso concello ten unha excelente saúde económica que permite, non só realizar obras, senón atender ás persoas con máis necesidades ou tamén colaborar coas entidades que viron como outras administración aplicaron políticas de recortes sen sentido.

  • QPC: Como ve o escenario electoral en Carballo de cara aos comicios do próximo 26 de maio? Teñen confianza nunha nova maioría?

Agardo que se manteña a estabilidade polo traballo desenvolvido e hai inquéritos que apuntan a iso. Agradecemos a altísima valoración que a xente de Carballo fai do noso traballo desde o goberno e desde a alcaldía. De todos xeitos, non hai aínda ningún voto emitido polo que traballaremos para cumprir esas tendencias.

Candidatura completa do BNG Carballo para as municiapais do 26M

  • QPC: Que destacaría do programa do BNG Carballo?

O noso é un programa elaborado desde o coñecemento profundo das demandas veciñais. Neste mandato puxemos en marcha o consellos parroquiais como órganos de consulta e asesoramento e que nos permite priorizar as demandas de cada unha das parroquias. As necesidades están expresadas: circunvalación, ampliación do solo industrial no polígono de Bértoa, abastecemento de auga ás parroquias de Lema, Noicela, Vilela e Rebordelos, travesía de Bértoa e continuar cos procesos de transformación urbana e ampliación de servizos no rural.

O meu compromiso con Carballo penso que está acreditado, e resulta curioso que outros utilicen decisións persoais para facer política ficción

  • QPC: Desde o PP de Carballo insisten na idea de que vostede deixará o BNG Carballo na metade do mandato. Que ten que dicir a isto?

Que é un pobre argumento de quen se sinte perdedor. O meu compromiso con Carballo penso que está acreditado e resulta curioso que utilicen decisións persoais para facer política ficción porque non teño pensado facelo.

  • QPC: A mobilidade e o tráfico son dous dos temas que máis preocupan a día de hoxe aos carballeses e carballesas. A nova ordenanza de tráfico do casco urbano desatou un sen fin de comentarios. Como reciben as críticas?

As críticas sempre poden valer para mellorar pero neste caso o concello de Carballo pretende como prioridade a seguridade das persoas . Que un coche cruce de un extremo a outro o noso concello significan 2 minutos máis de tempo ao reducir a velocidade a 30, pero si hai un atropelo a 50 km/h as posibilidades de morte  increméntanse desde un 8% a un 60%. Penso que dous minutos non merecen esas valoracións negativas.

  • QPC: Outro dos temas electorais é o referente á construción da circunvalación. Segue sendo unha prioridade para o BNG Carballo?

É inadmisible que o tráfico pesado pase por diante de unhas instalacións deportivas, un centro de secundaria, unha escola infantil e o segundo centro de Galiza en número de alumnado de primaria. O tráfico pesado ten que circular por fóra das vías urbanas porque unicamente así será un tráfico seguro. A Xunta de Galicia ten que entender que a circunvalación é unha prioridade absoluta  e as declaracións de Feijóo  nas que condiciona a súa construción a un resultado favorable ao seu partido, descalifícao como presidente para todos. Son un insulto a Carballo esas afirmacións do presidente da Xunta e agardo que as rectifique.

  • QPC: Durante estes catro anos tamén insistiron na necesidade da ampliación do Polígono de Bértoa. Como está este tema? Que resposta teñen desde a Xunta?

O polígono de Bértoa unicamente ten dispoñible un 19% do seu solo para novas industrias. Foi o polígono que máis solo público adxudicou en todas as convocatorias e non sería de recibo que unha empresa que teña como opción preferente instalarse en Carballo non o puidera facer por falta de solo industrial. O crecemento industrial  en Carballo é unha realidade e por iso estamos a construír unha estratexia compartida cos concellos de Laracha e Arteixo para que as administracións e as empresas perciban esa necesidade de ampliación, pero a Xunta, polo de agora, non atendeu a esta demanda.

Comentarios