Sábado. 20.04.2024
El tiempo

Galeatro estrea en Carballo “Carabela”, un espectáculo infantil sobre o grave problema ambiental que supón o plástico

Imaxe da presentación de "Carabela".
Imaxe da presentación de "Carabela" no auditorio de Carballo.
Galeatro estrea en Carballo “Carabela”, un espectáculo infantil sobre o grave problema ambiental que supón o plástico

Case tres anos despois de “Muiñada”, Galeatro volve a xogar na casa e este domingo presenta no auditorio do Pazo da Cultura o seu segundo espectáculo: “Carabela”. A compañía, fundada en Carballo no ano 2015, tiña moi claro que quería dedicar a súa segunda montaxe a sensibilizar á poboación, sobre todo á máis cativa, sobre o gravísimo problema ambiental que supón o uso masivo de plástico. E pedíronlle a Paula Carballeira que escribise o texto. O resultado é unha historia fermosísima da que poderemos gozar en familia este domingo ás 18.00 horas no auditorio e que moi pronto será publicada tamén pola Editorial Galaxia.

De todo iso e de moitos dos detalles que envolven o novo espectáculo de Galeatro falou hoxe o equipo artístico da compañía, integrado polos intérpretes Alba Bermúdez e Tone Martínez, ademais do director e actor Davide González; Paula Carballeira, autora do texto, e Emi Candal, da distribuidora Urdime, que estiveron acompañados polo concelleiro de Cultura, Marcos Trigo, e o alcalde, Evencio Ferrero.

A presentación de “Carabela” realizouse no propio auditorio, sobre un escenario que reflicte o compromiso de Galeatro co medio ambiente, xa que a práctica totalidade dos materiais empregados para o decorado son de uso cotián e foron reutilizados para a ocasión. Alba Bermúdez agradeceu as doazóns de plástico de moitos particulares, e tamén agradeceu ao Concello de Carballo a posibilidade de dispoñer dun lugar de ensaio coma o Pazo da Cultura.

Paula Carballeira cualificou coma “un luxo” a posibilidade de participar nun proxecto que aborda “un tema de máxima actualidade” e que permitirá que, a través do xogo teatral, o público reflexione sobre “o medio ambiente, a fame ou como nos relacionamos cos outros seres vivos do planeta”.

A esa reflexión referiuse tamén Emi Candal, que destacou as ganas e o respecto pola profesión da compañía Galeatro, ademais do seu compromiso para “tecer redes” para unha cultura transformadora que nos permita legar un planeta mellor ás xeracións futuras.

O alcalde pechou o acto de presentación cun agradecemento “á xente que, como Galeatro, se compromete coas artes”, e reiterou o apoio e a colaboración do Concello de Carballo ás artes escénicas e aos proxectos que contribúen á reflexión social “sobre o planeta que estamos construíndo”.

Máis sobre “Carabela” e Galeatro

cartel_Carabela-cambios_A3_9  

Sipnose: Carabela, cociñeira dun barco, naufraga na Illa Pequena de Plástico. Está soa, rodeada de peixes mutantes que lle advirten que son tóxicos, de paxaros que non paran de queixarse por ter comido substancias sintéticas e de verteduras que non alimentan. Para aliviar a tristeza, Carabela constrúe unha nena de plástico á que lle conta historias de como é o mundo fóra da Illa Pequena. O corazón a pilas da Nena de Plástico comeza a latexar con forza para coñecer o que hai máis alá dos peixes mutantes e dos paxaros choromicas e, sobre todo, para axudar a Carabela a saír da illa antes de que morra de fame.

FICHA TÉCNICA E ARTÍSTICA

Título: Carabela

Duración: 50 min

Idade recomendada: a partir de 4 anos

Texto: Paula Carballeira

Dirección: Davide González

Reparto: Alba Bermúdez, Tone Martínez, Davide González

Deseño Escenografía e Indumentaria: Diego Valeiras

Música orixinal: Davide González

Deseño Iluminación: Ignacio Martín

Deseño Cartelería: Andrea Ures

Distribúe: Urdime               

Producido por Galeatro

A compañía de teatro Galeatro leva a escena propostas de pequeno e mediano formato, versátiles, xa que se adaptan tanto a un público infantil coma mozo (de secundaria en diante, universitario incluído), dado o carácter pedagóxico que poden ter as montaxes, coma ao público en xeneral, explotando máis o lado dramático e teatral.

Comentarios