Mércores. 11.12.2019
El tiempo

O III Aberto de Xadrez Clásico de Carballo reunirá á elite do xadrez galego

Marcos Trigo, Javier Teixeira, Evencio Ferrero e Óscar de Prado na presentación do torneo.
Marcos Trigo, Javier Teixeira, Evencio Ferrero e Óscar de Prado na presentación do torneo.
O III Aberto de Xadrez Clásico de Carballo reunirá á elite do xadrez galego

O III Aberto de Xadrez Clásico converterá ao Concello de Carballo na capital galega do xadrez durante a ponte da Constitución. A competición, organizada polo club O Toque Xiria co patrocinio do Concello de Carballo e a Deputación da Coruña, reunirá os días 6, 7 e 8 na vila á elite do xadrez galego e mesmo a xadrecistas de referencia no norte do Estado, como destacou o concelleiro de Deporte, Marcos Trigo, na presentación do torneo. No acto, que se celebrou esta mañá na Casa do Concello, participaron tamén Óscar de Prado e Javier Teixeira, en representación de O Toque Xiria, e o alcalde de Carballo, Evencio Ferrero.

02122019 aberto_xadrez (5) (1)

Óscar de Prado engadiu que o III Aberto de Xadrez terá entre 50 e 60 participantes “de calidade”. De feito, indicou, “moitos veñen buscar o ELO Internacional”.  O torneo celebrarase no Espazo Xove, situado na rúa Valle Inclán, e constará de seis rondas con partidas de 90’+30’’. En total repartiranse 1.500 euros en premios.

Tanto Óscar de Prado coma Javier Teixeira destacaron o crecemento que está a experimentar o xadrez no concello nos últimos anos. Esta terceira edición do aberto é un exemplo, pero hai máis. Carballo tamén forma parte do Circuíto de Xadrez Portus Apostoli xunto con Noia, Val do Dubra, A Pobra do Caramiñal e A Coruña. Ademais, Óscar de Prazo avanzou que Carballo tamén será a sede dos campionatos provinciais, que se disputarán os días 11, 12, 19 e 20 de xaneiro, e nos que se outorgará unha praza para os galegos.

Cartel III Carballo clásico

De cara ao ano 2020 son moitos os proxectos en mente, pero un dos máis importantes é incluír este Aberto de Xadrez Clásico no Circuíto galego de xadrez de partidas lentas. “Queremos darlle un impulso e estamos facendo as xestións para poder organizar un torneo de sete ou oito días na segunda quincena de xullo”, sinalou Javier Teixeira. O obxectivo é dar “un salto de calidade” e seguir reforzando o xadrez no concello. “Cada vez ven máis xente e máis contenta, e os que proban por primeira vez repiten”, asegurou Óscar de Prado, quen tamén indicou que un dos obxectivos da entidade é fomentar este deporte a todos os niveis, “deportivo, pero tamén educativo e social”, aspectos nos que tamén se está a traballar.

Evencio Ferrero, pola súa banda, destacou a importancia de que o xadrez “siga collendo forza, tendo iniciativa e capacidade organizativa para este tipo de eventos, que colocan a Carballo no mapa do deporte”. Nese sentido, o alcalde sinalou que o Concello seguirá colaborando “para que Carballo siga sendo un referente deportivo”.

Comentarios