Venres. 19.04.2024
El tiempo

O Concello de Carballo licita cinco proxectos que financia a Deputación da Coruña con 677.000 euros

O Concello de Carballo licita cinco proxectos que financia a Deputación da Coruña con 677.000 euros
O Boletín Oficial da Provincia publica hoxe a licitación de cinco proxectos no Concello de Carballo que financia a Deputación da Coruña cun total de 677.000 euros. Estes fondos proveñen dos remanentes xerados polas baixas durante os procesos de licitación tanto do Plan de Acción Social coma do Plan Único 2017, que a Deputación da Coruña decidiu reinvestir nos concellos para a realización de obras e proxectos. Deste modo, o Concello de Carballo recibe 249.613,35 euros do PAS adicional, que se utilizarán para financiar a cubrición do parque infantil do Anllóns e a mellora da accesibilidade nas rúa Laracha.

Anllóns

Mapa do parque do río Anllóns en Carballo No caso do parque situado na ribeira do río Anllóns, o orzamento ascende a 148.843,25 euros para reordenar as zonas de xogos e instalar dúas cubertas. Deste modo, o parque do Anllóns será un dos únicos cubertos da provincia, o cal permitirá o uso das instalacións en caso de chuvia e outras inclemencias climáticas. O proxecto inclúe a redistribución das zonas de xogo e de descanso, para potenciar o seu uso e minimizar as interferencias entre as diversas áreas. Neste sentido, substituirase a parte emprazada na zona oeste do recinto, que actualmente está ocupada por xogos infantís, para xerar nela un espazo de descanso e reunión, polo que se prevé continuar o pavimento de formigón en cor verde disposto nas zonas de circulación, e tamén plantar un ameneiro. As outras zonas de xogo, situadas cara o nordeste e o sureste, manterán o seu uso, pero adaptándoas á normativa coa instalación de pavimentos de caucho absorbedor de impactos, que minimiza os posibles danos por caídas. Tamén se colocarán outros xogos e se reubicarán os existentes para acomodalos ao novo pavimento. Nestas dúas áreas de xogo será onde se instalen as cubertas, que contarán cunha estrutura de perfís de aceiro pintados de vermello e cubertas con paneis de cores. Estes paneis serán translúcidos, polo que permitirán o paso da luz matizada polo coloreado, creando un ambiente acorde co carácter infantil do espazo. A actuación no parque do Anllóns completarase coa plantación de varios árbores, coma ameneiros e salgueiros, propios das áreas de ribeira.

Novas beirarrúas na rúa Laracha

O segundo proxecto financiado polo PAS complementario da Deputación en Carballo, será a mellora da accesibilidade nas beirarrúas da rúa Laracha. Neste caso, a Deputación aporta 100.770 euros, algo máis do 80% do custo total das obras, estimado en 123.029 euros. Esta vía, situada no centro urbano carballés entre as rúas Vázquez de Parga e Muíño, presenta varias barreiras arquitectónicas que impiden a mobilidade universal. Por iso, executaranse novas beirarrúas, que terán 1,95 metros de ancho e estarán recubertas de baldosas hidráulicas. Nos pasos de peóns, rebaixarase o nivel da beirarrúa para crear unha pendente, con distinción de cor e rugosidade do pavimento. No resto dos tramos, haberá un bordo de formigón para separar a zona de tránsito peonil da calzada. Como consecuencia destas obras, reorganizaranse tamén as zonas de aparcamento, que terán 2,35 metros de ancho e contará cunha praza reservada para persoas con mobilidade reducida. Deste modo, deixaranse 6 metros para a zona de circulación de vehículos,q ue se distribuirá en dous carrís de 3 metros cada un. As obras na calzada inclúen a reposición do pavimento de aglomerado asfáltico. O proxecto financiado pola Deputación tamén inclúe varias melloras nos servizos urbanísticos, coma a instalación dunha nova rede de abastecemento de auga, que se situará baixo a beirarrúa en ambas marxes. Tamén se creará unha rede separativa de saneamento e de recollida de augas pluviais, así coma a rede de gas pola marxe dereita da rúa, xa que na actualidade este servizo so existe no lado esquerdo.

Tres proxectos para reurbanizar viais en Pedra Furada

A través do Plan Único adicional, o Deputación da Coruña destina 427.356 euros á tres proxectos para pavimentar e instalar servizos básicos en varios viais da zona de Pedra Furada, situada na periferia do casco urbano de Carballo. Na Rúa Cándido González Tiradas, licítanse as dúas fases que compoñen o proxecto para mellorar esta vía. A primeira fase ten un orzamento de 110.711 euros mentres que á segunda destínanse 121.470,28 euros. O terceiro proxecto que sae hoxe a licitación corresponde á reurbanización de dúas rúas na zona de Pedra Furada, que financia a Deputación con 195.175 euros. O primeiro destes viarios ten 44 metros e está situado entre as rúas Alcalde Peinador e Alcalde Bolón. Tamén se actuará no vial comprendido entre esta última rúa e Alcalde Monteagudo, que conta con 73 metros de longo e un ancho de entre 10 e 11 metros. Estas rúas, na actualidade están sen pavimentar e non contan nin con beirarrúas nin servizos básicos de saneamento e abastecemento. Os traballos incluirán a instalación de beirarrúas a ambos lados, cun mínimo de 2,20 metros de ancho e executadas en pavimento de baldosa de terrazo. Tamén se pavimentará a zona de circulación e de aparcamento e se humanizará o entorno coa instalación de papeleiras e a plantación de árbores de crecemento lento, coma aligustres, arcés xaponeses e acebos. Paralelamente, instalaranse os servizos urbanísticos de saneamento, abastecemento, alumeado, telefonía, cable e gas tanto nestes viais como nas rúas anexas Mirtos, Alcalde Monteagudo, Alcalde Bolón e Alcalde Peinador.

Fonte

  • Deputación.

Comentarios