Venres. 19.04.2024
El tiempo

O Padroado Fogar de Bergantiños xa ten candidatos para os seus Premios 2019

Imaxe dos membros do Padroado na entrega dos Premios dunha das galas anteriores
O Padroado Fogar de Bergantiños xa ten candidatos para os seus Premios 2019

Xa ten o Consello Asesor do Padroado Fogar de Bergantiños os candidatos para os seus famosos premios. 


Candidatos a Carballés do Ano

ALEJANDRO ÁVILA ÁLVAREZ (ÁLEX ÁVILA)
Pediatra carballés especializado en neonatoloxía que traballa no Hospital Materno Infantil do CHUAC. Entre outros formouse no mellor hospital pediátrico do mundo como é o “Children´s Hospital de Boston”. Ademais da súa faceta profesional, destaca tamén no mundo do baile e música tradicionais, sendo un excelente pandereteiro e bailador, en grupos como o Carballés Nemeth ou o coruñés Xacarandaina.

EQUIPO SENIOR BALONMÁN XIRIA
Desde a fundación da A.D. Xiria hai máis de 35 anos, o balonmán sempre estivo presente como un dos referentes do deporte en Carballo. E o seu equipo sénior sempre foi cara arriba, acadando en 2008 o campionato da fase de ascenso a 1ª división nacional, na que contínúa exitosamente na actualidade, tendo xa disputando desde entón varias fases de ascenso.

GRUPO DE NATACIÓN ADAPTADA DE SYSCA
En 2014, dentro da agrupación de Salvamento e Socorrismo Carballo (SYSCA), decidiuse crear unha sección para nenos con diversidade funcional, contando na actualidade con 4 monitores, e 20 deportistas, con parálise cerebral, síndrome 4H, retrasos madurativos, etc. Desde 2016 compiten na liga de piscina de salvamento deportivo. 

OS IRMÁNS XURXO, ALBERTO (a título póstumo), JUAN e DIEGO GENDE DÍAZ (CHAPELA)
Os catro irmáns, nas súas distintas facetas, forman parte importante desde hai anos do arte, deseño, deporte, música, literatura, lecer,... carballés. As letras de Xurxo, as pinturas de Alberto, o bolei e antroidos de Juan, os acordes de Diego, sempre con Carballo de fondo, fan dos Chapela un referente para Carballo.

FEIRA DAS CIENCIAS DO IES ALFREDO BRAÑAS
Con 15 anos ás costas, durante uns días, o alumnado do IES Alfredo Brañas está desexoso de poñer en práctica ideas, proxectos tecnolóxicos, científicos,... coordenados polos profesores do centro, e amosalos ao alumnado dos institutos de Carballo. Esta idea do que foi profesor de física e química José Mª de la Viña cada ano levanta máis expectativas e interese, e converte a xoves estudantes en xentes da ciencia, algo positivo para a súa formación.

 

Candidatos a bergantiñán do Ano

AGRUPACIÓN DEPORTIVA “UN PASO MÁIS”
Baixo os auspicios da finada Loli Varela e Manuel Cantelar –que preside a entidade- naceu en 2014 da preocupación pola integración de nenos e nenas con diversidade funcional, a través de actividades deportivas como a natación ou o baloncesto, coa finalidade de acadar a súa inclusión plena. Conta con máis de 200 socios e socias.

INSTITUTO DE ESTUDIOS BERGANTIÑÁNS
A razón de ser do Instituto de Estudios Bergantiñáns é profundizar no estudio, coñecemento e promoción da Comarca de Bergantiños a través de distintas actividades e publicacións. Colaboran na entidade numerosos estudosos de divulgadores da nosa Comarca. Destacan entre as súas publicacións a serie titulada “Andando por Bergantiños”, dedicada a unhas determinadas parroquias dos 7 concellos de Bergantiños, tentando cubrir todo o ámbito xeográfico da Comarca.

LUPE BLANCO
Esta coristanquesa, formada nas cantigas e bailes tradicionais galegos, está a garantir a continuidade dunha expresión artística, cultural e musical propia de Bergantiños como é a Regueifa. Ademais de contribuír a que non desapareza a figura do regueifeiro, supón tamén un aire novo ao tratarse dunha muller, cunha labor divulgadora e formadora da Regueifa. Lévao no sangue, pois é bisneta do regueifeiro “Blanco de Muiñoseco”.

FRANCISCO-JAVIER COUTO CASTRO
Natural de Cerqueda (Malpica), estivo nos anos 90 vinculado á A.C. Raigañas e ao equipo de fútbol da súa parroquia natal. Tamén formou parte da A.D. Xiria, desde hai máis de 25 anos colabora con Protección Civil de Ponteceso, e outras asociacións. Hai que destacar a súa promoción e dinamización do sendeirismo e turismo en Bergantiños, pero, sobre todo, que ese amplo traballo o realiza desde a humildade e a discreción.

Candidatos a Galego do Ano

CAMIÑO DOS FAROS
Un grupo de amigos —Os Trasnos— idearon en 2012 enlazar camiñando polo borde do mar Malpica e Fisterra, creando unha ruta de sendeirismo de 200 kilómetros, un camiño que ten o mar como maior protagonista e que pasa por tódolos faros e principais puntos de interese da Costa da Morte. O seu obxectivo é que este Camiño exista e que o descubra o maior número de xente sempre co máximo respecto á natureza.

OLIVER LAXE
Como fillo de emigrantes galegos, este actor, director e guionista, foi nacer en París, aínda que desde neno reside na nosa Terra. A pesar da súa corta carreira, xa foi galardoado en Cannes en 2010 co premio FIPRESCI por «Todos vós sodes capitáns», en 2016 co Gran Premio da Semana da Crítica por «Mimosas», e recentemente «O que arde» foi nomeada nos Premios Goya, entre outros, a mellor director e mellor película.

FERNANDO VÁZQUEZ PENA
Este profesor de inglés, nacido na localidade coruñesa de Castrofeito, destaca pola súa faceta como adestrador de fútbol, onde conta cunha longa traxectoria, pasando pola Segunda B, Segunda, e Primeira División. Ascendeu ao Celta e clasificouno para a UEFA na tempada 2005-2006, e por segunda vez está adestrando ao Deportivo da Coruña.

MARÍA CANOSA BLANCO
A pesar da súa xuventude, esta enxeñeira de camiños ceense, filla da escritora Concha Blanco, goza xa dunha longa traxectoria como escritora, tendo publicados numerosos libros, fundamentalmente de literatura infantil e xuvenil, e tamén de narrativa, ensaios, ou poesía. Foi galardoada en diversas ocasións. Ademais da faceta literaria, colabora en prensa gráfica, e na radio e televisión.

XABIER DÍAZ
Músico, cantante, gaiteiro, bailador, pandeireteiro, ..., destaca na súa faceta como investigador e compilador da música tradicional galega. Ten realizado diversas grabacións, e acadado numerosos premios, e formou parte de Nova Galega de Danza, Berrogüeto, e desde hai un tempo actúa acompañado das Adufeiras do Salitre. Con fondos vínculos con Bergantiños, esta doce voz tamén foi pregoeiro do San Xoán carballés.

NOVAS RELACIONADAS

Comentarios