Xoves. 28.01.2021
El tiempo

Ramón Sánchez afonda no abandono na súa nova obra: "Vagar de náuseas”

Ramón Sánchez nunha foto de Mari Blanco
Ramón Sánchez nunha foto de Mari Blanco
Ramón Sánchez afonda no abandono na súa nova obra: "Vagar de náuseas”

O pasado mes de marzo presentaba “Descender pola nádega da montaña”, o seu primeiro poemario cheo de erotismo. Este xaneiro de 2021, Ramón Sánchez lanza a súa nova obra "Vagar de náuseas”, xa nas rúas da man da editora Urutau, e cunha capa ben singular: “La guerre”, un óleo creado en 1894 polo pintor francés Henri Rousseau, precursor do movemento naif.

Foi precisamente a editorial a que lle solicitou recompilar poemas que leva escribindo dende 2015 e que non colleran en anteriores obras, polo que este “Vagar de náuseas” está escrito ao 50% entre finais de 2019 e os 4 anos anteriores.
De feito, aínda que non fose premeditado, estes poemas danlle continuidade á obra anterior, convertíndoa no prefacio de “Descender pola nádega da montaña”, xa que as dúas historias están relacionadas, e podemos situar o comezo “Vagar de náuseas” no final aberto que deixa a primeira obra.

”Quen non sufriu algún abandono, quen non vagou sen rumbo polas noites?”, pregúntase o propio poeta carballés, destacando así que “moita xente se pode sentir identificado con este libro”.

Dío porque “é un libro que fala dunha ruptura, da fin dunha relación, dun abandono en definitiva, mais ese só é o eixo sobre o que xirará o groso da historia, dividida para o caso en catro partes. Unha historia que trata a xestión dese abandono, a busca doutros camiños para a superación e finalmente a aceptación como única chave para o reencontro cun mesmo”.

A obra “toma como referencia a estrutura de certos filmes nos que se conta a historia de xeito desordenado (“Irreversible” do director Gaspar Noé sería a que se me vén á cabeza principalmente, mais sen ter nada que ver a trama do filme coa do meu poemario), polo que os capítulos do libro non seguen tampouco unha orde establecida. Así o capítulo 3 (Secuencia de evacuación) sería o primeiro, logo virían o 1 (Son a chaga que alimento), o 2 (Certa clareza neste vagar de náuseas) e finalmente o 4 (Durmir coas lentes postas para desentrañar o pesadelo)”, explícanos o autor.

Sánchez afonda na estética da obra: “O hábitat no que se move o protagonista desta trama é a noite, tanto nos primeiros momentos despois da ruptura, sendo a escuridade o que predomina no fondo do pozo no que sentiu caer, como na busca desoutros camiños para superar o abandono, xa que todo acontece baixo o acubillo da noite, do urbano, e de todo canto eses dous elementos xuntos poden ofrecer a quen non teña medo de buscar, e de atopar”.

En todo caso, explica que “mais non hai noite que non remate, e cara o final do libro, coa chegada da mañá, fai presenza a figura da morte. Unha morte figurada que se antolla imprescindible para poder renacer como a ave Fénix, como única vía posible para despoxarse de todo o negativo e comezar de novo”.

A obra en vídeo

Para apoiar a saída do libro fixo cinco vídeopoemas, así de tensos, que podedes ver na súa canle de Youtube:

Novas relacionadas

Outros libros presentados nas últimas datas

comentarios