Martes. 05.11.2024
El tiempo

Volven as eTapas a Carballo en forma de obradoiros

Volven as eTapas a Carballo en forma de obradoiros
Reunion en Axober dos Hostaleiros do Carballo por eTapas

Xa está en marcha a 3ª edición do programa Carballo por Etapas, que artella a Asociación de Xóvenes Empresarios de Bergantiños (AXOBER). E para ir quecendo o forno, e como unha das moitas novidades en cernes, toca comezar coa celebración dun taller de elaboración de tapas dirixido aos 22 hostaleiros que participan na apetitosa ruta e ao resto dos socios do sector da hostalería. A actividade foi presentada hoxe, nunha concorrida reunión con todos os locais, na que quedaron pechados os detalles da iniciativa.

O taller celebrarase os días 11, 12 e 19 deste mes, de 17.00 a 19.00 horas, nas instalacións da Escola de Hostalería do Fórum Carballo. E estará dirixido por todo un experto: o carballés Adrián Felípez, cociñeiro, showcooker e creador de AF Gastroconsulting, unha empresa especializada en asesoramento gastronómico que ten liderado a recuperación e a apertura de numerosos establecementos hostaleiros en toda Galicia. Nas tres sesións previstas impartirá coñecementos teóricos e prácticos sobre últimas tendencias, produtos e técnicas culinarias, pero tamén de custos, innovación e tradición, tipos de empratado, volumes, cores, mesturas ou erros cotiáns.

A directiva quere valorar a implicación dos 22 hostaleiros e recorda que o obradoiro estará aberto á participación dos distintos profesionais dos locais. Os interesados poden anotarse nas oficinas de Axober, situadas na rúa Fomento 21-23, ou chamando ao 981 756 313.

Novas relacionadas

Fonte

Comentarios