Mércores. 13.11.2019
El tiempo

A arqueoloxía toma os bares en Carnota

A arqueoloxía toma os bares en Carnota

Está a invadilo todo. A febre arqueolóxica destapada arredor do Proxecto dos Mouros en Carnota chega xa ata os bares. Así, destacados especialistas da arqueoloxía e da divulgación en Galicia daranse cita no mes de xullo en Carnota nunha experiencia de divulgación cultural para todos os públicos incluída no proxecto arqueolóxico Torre dos Mouros.
A través de conferencias nos bares, as Barferencias do concello e de obradoiros con nenos, os científicos dialogarán cos veciños do pasado ao redor do pasado da localidade e da costa galega mentres se intervén nun dos xacementos arqueolóxicos máis singulares da Costa da Morte.

O Proxecto Torre dos Mouros procura poñer en valor unha singular fortificación da parroquia de Lira con amplo dominio visual sobre o Atlántico, pero da que se descoñece a súa cronoloxía e función. Coñecer estes datos será o obxectivo da campaña de investigación. No proxecto Torre dos Mouros, ademais do Concello de Carnota, participan diferentes empresas arqueolóxicas, institucións públicas de investigación de Galicia, como a Universidade de Santiago, o Instituto de Ciencias de Patrimonio do CSIC, Malde Arqueoloxía ou DeHistoria.

As Barferencias

En combinación coas actividades científicas na Torre dos Mouros, recoñecidos arqueólogos e investigadores participarán nas Barferencias, conferencias informais de divulgación que se impartirán en diferentes bares de Carnota os sábados de todo o mes de xullo. As conferencias sempre teñen como punto de partida algún elemento do rico patrimonio histórico carnotán e permitirán coñecer as novidades na investigación sobre a prehistoria e a arqueoloxía de Galicia, achegando a ciencia aos bares.

  • Sábado 7 de xullo, 20:00h no Bar Casa Louro (Lira): Atlántico e Mediterráneo: as relacións comerciais na Prehistoria, con Xurxo Ayán (arqueólogo do INCIPIT-CSIC) e Rafael Rodríguez (arqueólogo da Deputación de Pontevedra).
    Ayán e Rodríguez foron directores de dous proxectos de escavación de espazos arqueolóxicos claves para coñecer o encontro entre galaicos e púnicos hai máis de dous mil anos. Unha historia fascinante que comezamos a coñecer nos últimos anos.
  • Sábado 14 de xullo, 20:30h no Bar do Rua (Carnota):
    Petroglifos de Galicia e Carnota, con Antonio de la Peña (arqueólogo e conservador do Museo de Pontevedra) e José Cernadas (investigador, autor do libro Os petróglifos de Carnota).
  • Sábado 21 de xullo, 20:30h: no Salón de actos do concello (Carnota). Presentación do libro "Herdeiros pola forza", con Xurxo Ayán (arqueólogo do INCIPIT-CSIC) e Manuel Gago (xornalista e profesor da Universidade de Santiago).
    Herdeiros pola Forza é un ensaio que reivindica o papel dos cidadáns na xestión e preservación do inmenso patrimonio cultural galego. En só catro meses de edición, Herdeiros pola Forza leva tres reimpresións.
  • Sábado 28 de xullo, 20:30h no Bar Illa (Lira). "Que fai un castrexo coma ti nun sitio como este? Rarezas e curiosidades da Idade do Ferro galega", con Alfredo González Ruibal (arqueólogo do INCIPIT-CSIC), un dos maiores especialistas na Idade do Ferro do noroeste da Península Ibérica.

Os obradoiros infantís

Asímesmo, no campamento de verán organizados polo Concello de Carnota, arqueólogos e restauradores do Instituto de Ciencias do Patrimonio do CSIC impartirán obradoiros de arenoglifos (13 de xullo) e cerámica castrexa (20 de xullo). Nos obradoiros de arenoglifos, os nenos aprenderán a coñecer os principais motivos da arte rupestre galega e, especialmente, a de Carnota. No obradoiro de cerámica castrexa, os rapaces aprenden a facer cerámicas ao estilo das da Idade do Ferro, que se facían en castros do concello como Mallou.

En directo

O proxecto Torre dos Mouros será retransmitido en directo a través de Internet, desde o web corporativo (www.torredosmouros.net), e os perfís de Twitter e Facebook, nunha experiencia realizada directamente en campo por profesores e alumnos da Facultade de CC. da Comunicación da Universidade de Santiago, buscando achegar a divulgación científica a todos os públicos.

Máis información

Novas relacionadas

Máis novas arqueolóxicas

Fonte

Comentarios