Sábado. 12.10.2024
El tiempo

As historias do Simposium Monte Pindo, en vídeo

As historias do Simposium Monte Pindo, en vídeo
simposium monte pindo Merceh Díaz foi a encargada de inagurar o V Simposium Monte Pindo: A memoria dos fuxidos A asociación Monte Pindo Parque Natural acaba de publicar a través da súa canle de Youtube as videoactas do V Simposium Monte Pindo: A memoria dos fuxidos que se celebrou o pasado día 1 no pósito dos Pescadores do Pindo. Por primeira vez, tiveron carácter monográfico sobre a cuestión dos centos de fuxidos no Monte Pindo durante os primeiros compases do golpe de estado de 1936 e a brutal represión franquista que se iniciou a continuación. A inauguración do Simposium correu a cargo de Merche Díaz - secretaria dunha Confraría de Pescadores do Pindo e tesoureira da asociación Monte Pindo Parque Natural -. Que o evento se organizase nun local destas características non foi casual, xa que segundo indican dende a organización, este mesmo espazo foi ocupado no ano 1936 polos falanxistas e militares para servir de centro de mando dos golpistas desde onde se dirixiu un intensivo operativo de busca e captura dos veciños fuxidos no Monte, e tamén onde se torturou e extorsionou a vítimas e familiares para obter información que axudara a capturar a aqueles que se rebelaran contra o golpe.
  A proxección do filme A Mariñeira - a piques de cumprirse 10 anos da súa estrea - ateigou o local do pósito de veciños e veciñas ansiosos por coñecer a historia de María, unha humilde mariñeira de Quilmas que, logo do alzamento fascista do 36, tivo que sacar adiante soa as súas fillas cando o seu home fuxiu ao Monte Pindo. María enfrontouse ás autoridades oficiais e fácticas do franquismo que usaron absolutamente todos os resortes ao seu alcance - legais e ilegais - para levar á Mariñeira a revelar o paradoiro do seu compañeiro escapado. Para explicar os procesos creativos que levaron un relato de poucas páxinas como é A Mariñeira de Quilmas á gran pantalla, organizouse unha charla-coloquio con Darío Xohán Cabana (Cospeito, 1952), autor do texto, e Antón Dobao (Lugo, 1963), director do filme, baseado nun guión de Xabier Cordal.
  As xornadas continuaron coa conferencia «Evasións por mar na Guerra Civil. Os fuxidos do Pindo» a cargo de Eliseo Fernández - Ferrol, 1967 -, historiador especializado na Guerra Civil e nomeadamente no compoñente anarquista e obreiro da resistencia, quen documentou os episodios das fuxidas por mar na costa galega, destacando a contorna e a rocambolesca captura da lancha As, a mans de 13 veciños fuxidos no Monte Pindo, e grazas ao cal lograron chegar a Bristol. Eliseo fixo entrega á asociación Monte Pindo de varios recortes de prensa da época, documentando profusamente o impacto que tivera este acontecemento na prensa inglesa ao revelar o verdadeiro alcance do drama humano que se estaba a vivir nas zonas do estado español que caían en mans dos insurrectos.
  luis lamela corcubion O historiador Luis Lamela, de Corcubión, enumerou os episodios máis coñecidos de fuxidos no Monte Pindo Xa pola tarde tocou o turno dunha das palestras máis agardadas: «A sublevación militar franquista e os escapados do Monte Pindo» a cargo do xubilado de banca e historiador de vocación Luis Lamela - Corcubión, 1942 -, considerado unha das figuras pioneiras da recuperación da memoria histórica do país. Lamela, autor do libro "Escapado. Do Monte Pindo ao exilio pasando pola illa de San Simón" fixo gala do seu coñecemento da documentación histórica e da hemeroteca ilustrando con ela a convulsión que supuso o alzamento fascista do 36 para as prácidas vilas do sur da Costa da Morte, enumerando os episodios máis coñecidos e mellor documentados de fuxidos no Monte Pindo e tamén as persoas e organizacións sociais, políticas e sindicais máis importantes na altura e os seus papeis na contenda bélica.
  A continuación foi Xosé Ramón Ermida (Foz, 1973) quen se puxo ao timón do V Simposium para recuperar unha historia moi pouco coñecida; o papel do nacionalismo no contexto do alzamento golpista, moi solapado no relato oficial da contenda, que recuperou no libro "Mortos por amor á terra" que vén de presentar hai unhas semanas tras 20 anos de investigación. Moncho centrou a súa palestra «Galeguismo e represión en Carnota e na bisbarra» no Partido Galeguista de Carnota e Muros, sorprendentemente activo e nutrido na época para tratarse dunha poboación preponderantemente rural, demostrando o seu dominio da documentación que lle permitiu enunciar non só as actividades máis notorias da agrupación local, senón o seu organigrama interno e boa parte do seu censo de militantes. Foi este persoeiro quen nos permitiu devolver á vida unha pouco coñecida imaxe do celebérrimo mitin de Castelao en Lira.
  Debate aberto O debate aberto - habitual en todos os Simposium Monte Pindo para dar a palabra aos asistentes - permitiu a moitas persoas clarificar as súas dúbidas a respecto da catarse social e política que supuxo o golpe de estado fascista na bisbarra e tamén expresar as súas opinións. Ocuparon o atril durante este espazo de libre expresión os propios Luis Lamela e Moncho Ermida, que deixaron patentes as súas propias discrepancias sobre as diferentes lecturas que se poden facer do conflito e dos seus actores principais. Finalmente, foi a encargada de clausurar o V Simposium Monte Pindo a concelleira de memoria histórica do concello de Carnota - Carme Armendariz - quen saudou en nome do executivo municipal esta iniciativa e invitou a seguir organizando proxectos de recuperación da memoria histórica no noso municipio e bisbarra.
 

Novas sobre o Olimpo Celta e os fuxidos

Novas do Simposium

Comentarios